A Coruña, 14 de marzo de 2024.- Nun contexto de desenvolvemento global das diferentes tecnoloxías de renovables, crece a demanda de novos perfís laborais e novas cualificacións industriais. Un crecemento que se estima tanto por parte dos promotores e tecnólogos como por parte doutras empresas que forman parte da cadea de valor (desde montaxes, loxística, deseño…) onde os compoñentes de innovación tecnolóxica e dixitalización xogan un papel destacado.
O martes día 12 de marzo, baixo o título “Perfiles profesionais na cadea de valor da Enerxía”, no foro organizado pola Cátedra Greenalia UDC para a Transición Enerxética en Ferrol, puxéronse de manifesto as novas oportunidades laborais que se abren no campo da descarbonización e transición enerxética.
O foro, inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Isabel Ares Pernas; e o director do Campus, Marcos Míguez; estivo protagonizado por Lisa Castedo, responsable de persoas de Nervión Naval Offshore/Grupo AMPER; Sergio Rodríguez, CEO de SERTOGAL; Rosario López, responsable de Formación de ASIME; e Gonzalo Castañeira, CHRO de Greenalia. Tras as súas intervencións, estableceuse un diálogo moderado por Fernando de Llano, director da Cátedra Greenalia-UDC.
Houbo coincidencia en que un dos grandes retos é abordar a transición desde ambos os lados, formativo e laboral, especialmente nun momento en que as empresas afrontan unha realidade cada vez máis cambiante.
“Estamos no lugar adecuado no momento adecuado”, destacou Rosario López, de Asime, referíndose ás importantes oportunidades que se abren coa industria offshore e o resto das tecnoloxías renovables. “É un campo no que vemos como perfís con maior demanda especialistas en redes eléctricas en parques eólicos, expertos en procesos de dixitalización, especialistas en finanzas verdes e sostibilidade, enxeñeiros de deseño, técnicos de proxectos de enerxías renovables”, explicou a responsable de formación de Asime.
Uns perfís técnicos que tamén buscan as enxeñerías, tal e como detallou Sergio Rodríguez, CEO de Sertogal, quen incidiu nas oportunidades que se abren neste campo, dado o desenvolvemento de proxectos nas diferentes tecnoloxías como hidróxeno verde, offshore.
Outro dos puntos de coincidencia foi a relevancia que teñen hoxe día as competencias brandas, as aptitudes e actitudes de cada persoa na contorna laboral, así como o pensamento analítico e crítico, máis aló de ter un bo currículo. Neste sentido, Gonzalo Castañeira, CHRO de Greenalia, instou ao alumnado presente a ter un rol máis activo como protagonistas dese futuro e no seu deseño. E, neste contexto, explicou que as empresas con propósito, como as de renovables cun papel chave na loita contra o cambio climático, están chamadas a impulsar máis o talento.
Por último, Lisa Castedo, de Nervión, abordou a importancia de escoitar ao alumnado, de modo que a aprendizaxe sexa bidireccional e que se poida axustar oferta e demanda. Neste sentido, subliñou a necesidade de especialistas en soldadura, caldeiraría, loxística e enxeñaría. Uns perfís que na medida do posible téntase cubrir con talento galego, para o que contan con programas de prácticas.
Neste sentido, os participantes valoraron a oportunidade para Galicia que supoñen os novos proxectos enerxéticos, xa que permiten que o talento novo desenvolva a súa vida laboral aquí, e cree valor no territorio.
Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade da Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética, unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na Comunidade Autónoma de Galicia.