Ferrol, 7 de maio de 2026.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, e o conselleiro delegado de Cinnamon News, Christian De Angelis, inauguraron, a primeira hora desta mañá, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a cuarta edición das xornadas The Future of Fashion Talent nas que participaron, tanto na súa modalidade presencial como en liña, preto de 200 persoas.
Entre o público asistente, cómpre sinalar a presenza de estudantado do grao en Xestión Industrial da Moda e do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible, titulacións que se imparten na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), así como de numerosas persoas vinculadas ao tecido empresarial da comarca e de público xeral interesado.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, comezou a súa intervención agradecéndolle á fundadora de Modaes, Pilar Riaño, e ao conselleiro delegado de Cinnamon News, Christian De Angelis, ter elixido, un ano máis, o Campus Industrial de Ferrol como sede dun evento que, aos poucos, se converteu “nun espazo de reflexión estratéxica sobre o sector da moda e, moi especialmente, sobre o papel do talento e da transformación do seu futuro”.
Falou tamén Ana Ares da Intelixencia Artificial (IA) e do seu impacto nos procesos creativos ou produtivos, así como do ecodeseño, definíndoo “non só coma unha opción, senón coma unha esixencia ética, ambiental e económica”. Nesta mesma liña, asegurou que, a día de hoxe, a moda “é cadea de valor, impacto ambiental, condicións de traballo, tecnoloxía, comunicación ou proxección internacional, o que demanda perfís profesionais cunha formación sólida, con capacidade de adaptación e cunha mirada crítica e transversal”.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, salientou o compromiso do Concello de Ferrol cun evento que fomenta o coñecemento e o emprendemento ao tempo que invita a reflexionar sobre “un futuro no que a innovación, a creatividade e o talento deben ir sempre da man.” Tamén augurou que esta cuarta edición da xornada The Future of Fashion Talent será “un espazo enriquecedor de diálogo, aprendizaxe e de intercambio de ideas do que sairán proxectos, colaboracións e novas formas de entender o futuro da moda e da empresa.”
O impacto da Intelixencia Artificial (IA) na cadea de valor da industria da moda e na empregabilidade
Baixo o título Máis aló de ChatGPT – IA, Emprego e Moda, nesta cuarta edición da xornada The Future of Fashion Talent analizouse, moi polo miúdo, o impacto da Intelixencia Artificial (IA) na cadea de valor da industria da moda e na empregabilidade. Facendo fincapé en como esta inflúe nos departamentos de deseño, produción, sustentabilidade, xestión ou mesmo na toma de decisións.
A xornada empezou coa conferencia “Da sustentabilidade á IA: que está a facer a moda”, impartida pola fundadora de Modaes, Pilar Riaño. De seguido, deu comezo a primeira das mesas redondas do evento titulada “Hard, soft e outros skills nun momento de cambio”. Nela, participaron o director de Recursos Humanos de Tendam, Ramón Amorós, a Team Leader para Reino Unido e Irlanda en Luxetalent, Susana Duarte, o presidente de COINTEGA – Clúster Téxtil Moda, Javier Guerra, e a integrante do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) e coordinadora do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Belén Montero.
A segunda conferencia da mañá correu a cargo do persoal de Recursos Humanos de Inditex. Ao seu remate, tivo lugar a mesa redonda “E a creatividade para cando? IA, ecodeseño e novos paradigmas”, na que interviñeron a fundadora e creadora da marca de moda feminina The-Are, Rocío Botella, a conselleira delegada de Lady Pipa, Rocío Gómez, o cofundador de Elpulpo, José Antonio Chacón, e a integrante do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e directora da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, Verónica Bolón.
Un ano máis, a xornada The Future of Fashion Talent estivo organizada polo xornal líder en información económica do negocio da moda, Modaes, en colaboración co Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC). Tamén apoiaron esta iniciativa COINTEGA – Clúster Téxtil Moda e o Concello de Ferrol.

