A Delegación de Alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol traballa nunha proposta para reactivar a actividade estudantil na Zona Norte de España

Á esquerda, Leandro Alejo e Alejandro xunto con outros tres estudantes do Campus Industrial de Ferrol que integran a Delegación de Alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

Ferrol, 27 de xaneiro de 2022.- A Asociación Estatal de Representantes de Alumnos de Enxeñaría de Ámbito Industrial (AERRAITI) vén de nomear á Delegación de Alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e aos seus homólogos na Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) da Universidade de Vigo coordinadores da Zona Norte desta asociación estudantil coa finalidade de retomar o contacto e de reactivar a actividade das delegacións existentes en Galicia, Asturias, Navarra, País Vasco, Cantabria e na Rioxa.

Alejandro García Gaciño, alumno do Programa de Simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, e Leandro Alejo Rodríguez Álvarez, estudante de Enxeñaría Mecánica, representarán á Delegación de Alumnos da EPEF no próximo congreso da asociación estatal que terá lugar en Badaxoz no mes de abril. Neste encontro, o alumnado das universidades da Coruña e de Vigo terá que presentar a súa proposta para reactivar a actividade das delegacións existentes na Zona Norte.

Tal e como recoñecen os dous estudantes do Campus Industrial de Ferrol, un dos puntos fortes desta proposta conxunta será a previsible organización dunha serie de visitas presenciais a todas e cada unha das escolas existentes na Zona Norte ás que se sumaría a xunta directiva da AERRAITI. Para a súa redacción, Alejandro e Leandro Alejo contarán co apoio do resto do equipo interino da Delegación de Alumnos da EPEF integrado por Manuel Ventoso Piñeiro, Tamara Patiño López, Uxía Catoira Sabrojo, Daniel Romeo Gutiérrez, Celia Carrala Amenedo, Hugo López Quintela e José Luis Baz Souto logo da integración das delegacións das antigas Escola Politécnica Superior e Escola Universitaria Politécnica.

A Asociación Estatal de Representantes de Alumnos de Enxeñaría de Ámbito Industrial representa os intereses e defende os dereitos dos estudantes matriculados nos diferentes títulos universitarios oficiais no eido industrial. Do mesmo xeito, busca promover a participación do alumnado nos órganos de goberno e representación das súas universidades así como fomentar a participación estudantil dos seus socios en diferentes programas ben sexan de ámbito nacional ou internacional.