A directora financeira da OCDE, Ana Varela, imparte mañá unha conferencia no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 27 de outubro de 2022.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación acolle mañá, venres 28 de outubro, ás 12:00 horas, a conferencia “Mellores políticas para unha vida mellor. O papel da OCDE no contexto internacional” impartida pola directora financeira da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), Ana Varela, quen realizará un percorrido pola historia da organización afondando na súa misión, na súa estrutura de goberno e nas súas aportacións á contorna internacional.

A intervención enmárcase dentro do Ciclo de Conferencias do Grao en Relacións Internacionais que promove o Campus Industrial de Ferrol e no que participaron xa o xefe de formación da Organización Mundial do Comercio (OMC), Jorge Castro Bernieri, a profesora do Instituto de Estudos Políticos e Relacións Internacionais da Universidade Nacional de Colombia, Diana Andrea Gómez, o secretario xeral adxunto e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Maceira e Juan Manuel Vieites, respectivamente.

No acto de presentación, está previsto que participe a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos Pita, e o coordinador do grao en Relacións Internacionais, Jorge Quindimil.

O grao en Relación Internacionais impártese na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol
O grao en Relación Internacionais impártese na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol