Ferrol, 4 de xuño de 2025.- O mar Mediterráneo, tradicionalmente vinculado ao turismo, a pesca e a biodiversidade, perfílase agora como un novo escenario estratéxico para a xeración de enerxía renovable. Por primeira vez, un estudo científico avaliou a viabilidade económica de instalar parques solares mariños flotantes nesta rexión. A investigación, realizada por persoal do grupo MARES (MAterials and Renewable Energy for Engineering, Environment and Sustainability) adscrito ao CITENI (UDC), foi publicada na revista científica Energy (Elsevier), de alto impacto (Q1) no ámbito da enerxía.
Co título “Economic feasibility of floating offshore solar farms. The case of study of the Levantine-Balearic region of Spain”, o traballo analiza se esta tecnoloxía pode ser rendible na costa levantino-balear, unha zona con alta radiación solar e condicións marítimas moderadas. Inspirado na planta piloto Merganser, que se botou a andar nos Países Baixos en 2024, o estudo expón un modelo integral que valora a súa implantación en condicións reais.
O equipo investigador —formado por Almudena Filgueira Vizoso, David Cordal Iglesias, Carla Fernández Blanco, Daniel Fernández Mira, Ana Isabel García Díez e Laura Castro Santos— desenvolveu unha ferramenta que combina datos técnicos, económicos e ambientais para delimitar as áreas con maior potencial para este tipo de instalacións.
Un modelo escalable e transferible que combina aspectos técnicos, normativos e ambientais
A principal achega do estudo reside en que se crea un modelo de avaliación que vai máis aló da análise puramente económica. Este enfoque integrador permite reflectir os desafíos técnicos, ambientais e legais que comporta implantar estas infraestruturas en espazos mariños. As restricións analizadas inclúen a profundidade do mar, as áreas protexidas por normativa ambiental (como a Rede Natura 2000), as zonas de defensa, os caladoiros de pesca ou as infraestruturas de cablaxe submarina. Ademais, trátase dunha ferramenta adaptable a outros territorios ou útil para avaliar tecnoloxías renovables complementarias, como a enerxía eólica mariña flotante.
É rendible instalar placas solares no mar?
Para responder esta pregunta, o equipo aplicou o seu modelo á rexión levantino-balear e analizou tres aspectos clave: o custo de investimento inicial (CAPEX), os gastos de operación e mantemento (OPEX), e a enerxía que podería xerar cada emprazamento. A partir destes datos, calculáronse tres indicadores económicos fundamentais:
- Custo de nivelación da enerxía (LCOE): mide o custo medio da xeración de electricidade ao longo da vida útil do proxecto.
- Valor actual neto (VAN): estima se os beneficios superan os custos de investimento e operación.
- Taxa interna de retorno (TIR): calcula a rendibilidade que obtería calquera entidade investidora.
Nun escenario teórico sen restricións, o modelo estima un LCOE competitivo de 275 €/MWh. Con todo, ao se incorporaren as limitacións propias da contorna mariña —como zonas protexidas, caladoiros de pesca ou espazos reservados á defensa—, os custos aumentan significativamente, cunha media de 1495 €/MWh e picos que poden superar os 3800 €/MWh en certas áreas. Este encarecemento afecta directamente aos valores do VAN e a TIR, que na maioría dos casos se sitúan por debaixo dos limiares de rendibilidade.
Seis rexións con maior potencial
A pesar destas limitacións, o modelo identifica seis zonas concretas —catro na costa peninsular (Castelló, Alacante, Murcia e Almería) e dúas nas Illas Baleares— onde a implantación de parques solares flotantes sería viable desde o punto de vista técnico, ambiental e económico. Estas áreas presentan indicadores dentro de marxes atractivas para o investimento, o que abre unha porta real ao desenvolvemento desta tecnoloxía en augas españolas.
Cara a unha planificación baseada no coñecemento
“O Mediterráneo pode perfilarse como un escenario estratéxico para a enerxía solar flotante, pero só se se toman decisións baseadas no coñecemento técnico e a planificación responsable”, conclúe o equipo investigador do CITENI.
Este traballo sitúa a enerxía solar flotante como unha opción prometedora e complementaria á eólica que se xera en mar aberto (offshore), especialmente en rexións como o Mediterráneo, onde as condicións do vento son máis limitadas, pero o recurso solar é abundante. Coa planificación adecuada, esta tecnoloxía podería converterse nunha peza chave para diversificar a produción renovable na contorna mariña.
