A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol construirá o seu propio coche eléctrico parar poder participar na tempada de probas de Greenpower Iberia

Ferrol, 27 de xullo de 2023.- O alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) deseñará e construirá, ao longo do próximo curso académico, o seu propio coche eléctrico co obxectivo de participar na tempada de probas de Greenpower Iberia e, máis concretamente, nas carreiras que organizan as entidades colaboradoras en Valencia, Cartaxena, Navarra e no País Vasco a partir de marzo de 2024. Nas competicións, o equipo gañador será aquel que consiga percorrer máis quilómetros sen que se lle esgote a batería. Deste xeito, non gaña o máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible.

O Campus Industrial da Universidade da Coruña financiou a adquisición dun kit básico que inclúe as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis e o motor así como un par de baterías proporcionado por Greenpower Iberia. Deste xeito, durante o primeiro cuadrimestre do curso 2023/24 e no marco da materia de Proxecto Interdisciplinar, o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol traballará no deseño e na construción dunha carrocería aerodinámica que mellore a eficiencia e a velocidade do vehículo. Aínda que o grupo de traballo será máis numeroso, participarán finalmente nas carreiras en representación do centro seis estudantes e tres profesores.

O profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, José Manuel Amado, coordina un proxecto no que poderán participar os estudantes de segundo ano en diante dos graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría Eléctrica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, en Tecnoloxías Industriais así como o alumnado do grao aberto en Enxeñaría Industrial e do programa de simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. Porén, tamén poderán sumarse a esta iniciativa os estudantes dos másteres en Enxeñaría Industrial, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, en Informática Industrial e Robótica, en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía, en Fabricación Aditiva e en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.

 

Finais internacionais en Silverstone ou Goodwood, en Reino Unido

A nivel internacional, empresas como Siemens, Renishaw, Cummins, Jaguar, LandRover, Bentley e Perkins teñen participado neste proxecto para motivar aos profesionais do futuro. Integran esta rede internacional máis de 30.000 estudantes que forman arredor de 2.500 equipos e que participan en preto de 80 carreiras rexionais, nacionais e internacionais nas categorías Goblin (de 9 a 11 anos), Fórmula 24 (de 11 a 16 anos) e Fórmula 24+ (de 16 a 25 anos) en países como EE.UU., Reino Unido, China, India, Singapur, Malasia, Polonia, Portugal ou España.

As finais internacionais disputaranse en circuítos como o de Silverstone ou o de Goodwood Motor en Reino Unido xunto coas finais nacionais nos Racing Weekends da Real Federación Española de Automobilismo (RFEDA), incluíndo Navarra en 2021, Montmeló en 2022 e Valencia en 2023, espazos onde os equipos educativos Greenpower poden compartir experiencias con profesionais da Fórmula 4, do TCE e ou do Porsche Sprint Challenge de Iberia.

Fotografías cedidas por Greenpower Iberia
Fotografías cedidas por Greenpower Iberia