Ferrol, 17 de outubro de 2023.- A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o IES Vilalonga de Sanxenxo traballarán de xeito conxunto para organizar en Galicia unha das carreiras de coches eléctricos de Greenpower Iberia en futuras edicións do campionato. A iniciativa está aberta a outros centros de ensino de secundaria, bacharelato e FP de toda a comunidade, así como a empresas e institucións que queiran colaborar.
O IES Vilalonga de Sanxenxo é o único centro de ensino de Galicia que ten participado nas das probas de Greenpower Iberia, de feito, en maio de 2022, o equipo dos “Kartlonga”, integrado por estudantes de ESO, Bacharelato e FP Básica e Media, acadaba o segundo posto na carreira do circuíto do País Vasco así como o Premio á Mellor Enxeñaría. En outubro dese mesmo ano, o alumnado deste centro pontevedrés lograba o Premio ao Mellor Deseño no circuíto de Navarra. O coche eléctrico co que competiron foi deseñado e construído integramente no centro en colaboración cos departamentos de automoción, matemáticas, economía, debuxo e de inglés.
A Universidade da Coruña deseñará e construirá o seu propio coche eléctrico
O alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) deseñará e construirá, ao longo deste curso académico, o seu propio coche eléctrico co obxectivo de participar na tempada de probas de Greenpower Iberia e, máis concretamente, nas carreiras que organizan as entidades colaboradoras en Valencia, Cartaxena, Navarra e no País Vasco. Nas competicións, o equipo gañador será aquel que consiga percorrer máis quilómetros sen que se lle esgote a batería. Deste xeito non gaña o máis rápido, senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sostible posible.
O Campus Industrial da Universidade da Coruña financiou a adquisición dun kit básico que inclúe as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis e o motor, así como un par de baterías, proporcionado por Greenpower Iberia. Deste xeito, durante o primeiro cuadrimestre do curso 2023/24 e no marco da materia de Proxecto Interdisciplinar, o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol traballará no deseño e na construción dunha carrocería aerodinámica que mellore a eficiencia e a velocidade do vehículo. Aínda que o grupo de traballo será máis numeroso, serán seis estudantes e tres profesores quen participen finamente nas carreiras en representación do centro.
O profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, José Manuel Amado, coordina un proxecto no que poderán participar os estudantes de segundo ano en diante dos graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría Eléctrica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, en Tecnoloxías Industriais así como o alumnado do grao aberto en Enxeñaría Industrial e do programa de simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. Porén, tamén poderán sumarse a esta iniciativa os estudantes dos másteres en Enxeñaría Industrial, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, en Informática Industrial e Robótica, en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía, en Fabricación Aditiva e en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
Finais internacionais en Silverstone ou Goodwood, en Reino Unido
A nivel internacional, empresas como Siemens, Renishaw, Cummins, Jaguar, LandRover, Bentley e Perkins teñen participado neste proxecto para motivar aos profesionais do futuro. Forman parte desta rede internacional máis de 30.000 estudantes e arredor de 2.500 equipos, que participan en preto de 80 carreiras rexionais, nacionais e internacionais nas categorías Goblin (de 9 a 11 anos), Fórmula 24 (de 11 a 16 anos) e Fórmula 24+ (de 16 a 25 anos) en países como EE.UU., Reino Unido, China, India, Singapur, Malasia, Polonia, Portugal ou España.
As finais internacionais disputaranse en circuítos como o de Silverstone ou o de Goodwood Motor en Reino Unido, xunto coas finais nacionais nos Racing Weekends da Real Federación Española de Automobilismo (RFEDA), incluíndo Navarra, Montmeló ou Valencia, uns espazos onde os equipos educativos Greenpower poden compartir experiencias con profesionais da Fórmula 4, do TCE e ou do Porsche Sprint Challenge de Iberia.
Máis información: www.greenpoweriberia.org