Ferrol, 15 de xaneiro de 2025.- A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) organiza, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña, unha nova edición da xornada de portas abertas “Día da Enxeñaría” dirixida a alumnado de Bacharelato Tecnolóxico e de ciclos de FP Superiores de toda Galicia. A cita será, o venres 14 de febreiro, de 09:30 a 14:00 horas.
O programa de actividades divulgativas proposto pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) para esta xornada inclúe un Escape Room no que o estudantado terá que traballar, de xeito conxunto, para resolver unha serie retos vinculados ao eido das matemáticas, a física, a química ou a expresión gráfica co obxectivo de avanzar na historia e de rematala de xeito satisfactorio. Logo disto, o estudantado inscrito participará en varios obradoiros nos que poderá afondar en contidos vinculados coas enerxías renovables, a automática e a robótica, a mecánica, a biomecánica, a construción ou coa enxeñaría naval.
A maiores, ao longo da xornada, o alumnado de Bacharelato Tecnolóxico e de FP Superior participante coñecerá de primeira man o Proxecto GreenPower, no que participan preto de 20 alumnos e alumnas de grao, máster e de programas de doutoramento da escola, deseñando e construíndo un coche eléctrico co que compiten en varias carreiras autonómicas e nacionais baixo o nome de EPEF Racing Team. Nos xardíns do Campus Industrial de Ferrol simularase unha parada en boxes para ver o coche e ao equipo, incluída a piloto, en acción.
Os centros educativos interesados en asistir á xornada de portas abertas “Día da Enxeñaría” deberán inscribirse a través do seguinte formulario web antes das 14:00 horas do venres 24 de xaneiro. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Máis información, no correo electrónico subdireccion.estudantado.difusion.epef@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3226.
Formulario de Inscrición – Xornada de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” – 16 de febreiro de 2024
