A Feira de Empresas e Talento Festalent reunirá a máis de 40 firmas e institucións no Campus Industrial de Ferrol o xoves 16 de novembro

Ferrol, 2 de novembro de 2023.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Fondos Europeos, Participación e Atención Cidadá, Organización Interna e Contratación do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, presentaron este xoves, na sala de Conferencias do Edificio de Batallóns, a I Feira de Empresas e Talento Festalent que terá lugar no Pavillón de Batallóns e nas instalacións do Campus Industrial de Ferrol o vindeiro xoves 16 de novembro.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, aproveitou a súa intervención para agradecer o apoio do Concello de Ferrol e da Armada para a posta en marcha desta iniciativa así como o soporte ofrecido polo resto de empresas e entidades patrocinadoras como son Gabadi, Grupo JRilo, Detegasa, Grupo Intaf, El Pulpo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor) e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime). Do mesmo xeito, resaltou a oportunidade que esta feira lle ofrece ao alumnado egresado e aos estudantes dos últimos cursos de grao ou de máster do Campus Industrial de Ferrol permitíndolles amosar todas as súas potencialidades así como a oportunidade de coñecer máis de preto a realidade do mercado laboral máis inmediata.

Nesta liña, tamén salientou que I Feira de Empresas e Talento Festalent está aberta á participación do alumnado dos ciclos medios e superiores de Formación Profesional da Comarca de Ferrolterra.

Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Javier Díaz Mosquera, subliñou “a aposta polo talento ferrolán” por parte da institución e nomeou algunhas das iniciativas que se están a pór en marcha desde a súa concellería para achegar e dar a coñecer a oferta de emprego na cidade así como para tecer unha ampla rede de contactos que permita dinamizar a economía local.

 

Mesas informativas, entrevistas rápidas e conferencias

Tal e como explicou a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, no Pavillón de Batallóns, radicado Avenida de Mac Mahón, situarase a zona expositiva na que terán cabida máis de 40 postos informativos de empresas e institucións da Comarca de Ferrolterra e doutros puntos da xeografía galega. Do mesmo xeito, nunha zona anexa a este espazo, terán lugar as entrevistas rápidas entre o persoal dos departamentos de Recursos Humanos ou Captación de Talento e o alumnado universitario e de ciclos medios e superiores de formación profesional inscrito na Feira de Empresas e Talento Festalent. O obxectivo é, segundo a propia Ana Ares Pernas, “establecer encontros de non máis de 10 minutos de duración entre o tecido empresarial e as persoas interesadas o que lles permitirá presentar as súas candidaturas nun tempo récord e optimizar de xeito significativo os procesos de selección”.

De xeito paralelo, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, acollerán preto de 30 conferencias nas que participaran boa parte das firmas e institucións que sumaron a esta I Feira de Empresas e Talento Festalent. Nesta ocasión, tal e como explica a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, “a finalidade non é outra que darlles voz para que poidan explicarlle ao público participante como é o seu día a día, que perfís demandan ou cales son as oportunidades reais para desenvolver unha carreira profesional nesa empresa ou institución”.

A maiores, o programa da feira inclúe unha xornada de orientación e asesoramento previa, prevista para o xoves 9 de novembro, no salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e na que o persoal do Servizo de Emprego da Universidade da Coruña explicará con detalle como preparar e mellorar un currículo vitae, como afrontar unha entrevista de traballo ou mesmo como elaborar unha presentación de éxito.

  • Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, xoves 9 de novembro

Sesións de Orientación e Asesoramento impartidas polo persoal do Servizo de Emprego da Universidade da Coruña: de 10:00 a 13:00 horas

  • Pavillón de Batallóns, venres 16 de novembro

Mesas Informativas: de 09:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:00 horas

Entrevistas rápidas: de 09:30 a 14:00 horas

  • Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, venres 16 de novembro

Conferencias: de 09:30 a 19:30 horas

Máis información e inscricións: https://campusindustrial.udc.es

De esquerda a dereita, o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Javier Díaz Mosquera, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, durante a rolda de prensa de presentación da I Feira de Empresas e Talento Festalent.
De esquerda a dereita, o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Javier Díaz Mosquera, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, durante a rolda de prensa de presentación da I Feira de Empresas e Talento Festalent.
Foto de familia das empresas e institucións que patrocinan a I Feira de Empresas e Talento Festalent diante do Edificio de Batallóns.
Foto de familia das empresas e institucións que patrocinan a I Feira de Empresas e Talento Festalent diante do Edificio de Batallóns.