Ferrol, 3 de decembro de 2024.- A firma de moda galega Rubearth vén de seleccionar a Irene Somoza Prado (A Coruña, 2005), a Lucas Silvar Bernal (Ferrol, 2004) e a Ainhoa Piñeiro Pereira (O Grove, 2005), estudantes do segundo curso do Grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, para colaborar na colección de outono/inverno do ano 2026 encargándose da elaboración do estampado dunha camisa e dun pantalón curto.
Detrás de Rubearth está o pontevedrés Gabriel Nogueiras, quen nos últimos anos conseguiu destacar entre os deseñadores emerxentes do panorama nacional e internacional obtendo premios como o Mercedes Benz Fashion Talent (2021 e 2022), o Allianz Ego Confident in Fashion (2022) ou o Barcelona Fashion Forward (2024).
Hai pouco máis dun mes e durante a súa última visita á Facultade de Humanidade e Documentación, convidado pola profesora Patricia Muñíz e no marco dos Seminarios Profesionais que financia o Campus Industrial da Universidade da Coruña, Gabriel Nogueiras retou ao alumnado do segundo curso do Grao en Xestión Industrial da Moda a desenvolver a súa faceta máis creativa facilitándolles unha tea de cor branca de 40 por 40 centímetros. Tal e como el mesmo explica, “houbo estudantes que botaron man das técnicas plásticas para plasmar as súas ideas, mentres que outros e outras preferiron bordar ou mesmo esculpir esa tea”.
Irene, Lucas e Ainhoa foron os tres que mellor “entenderon” a filosofía de Rubearth, unha firma que conecta a arte, a moda e a tecnoloxía con deseños personalizables ao tempo que aposta pola sustentabilidade e a fabricación artesá. Desde hai un par de semanas, os tres alumnos do Campus Industrial de Ferrol están a traballar, en remoto, no estampado que plasmarán dentro dun par de meses nunha camisa e nun pantalón curto baixo a supervisión de Gabriel Nogueiras. Está previsto que estas dúas prezas se inclúan na colección de outono/inverno do ano 2026 e que se expoñan, xunto co resto de deseños deste pontevedrés, na Vasto Gallery de Barcelona en marzo de 2025.
