A III convocatoria das Bolsas de Verán do Campus Industrial de Ferrol achega a dúas alumnas de máster ao eido da investigación

Ferrol, 9 de xullo de 2025.- Irene Rodríguez Ríos, alumna do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial, e Arlene Dámera Figueredo, estudante do máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, veñen de acadar as dúas bolsas de verán que ofertaba o Campus Industrial de Ferrol para este curso 2024/25. O período de prácticas comezou o pasado martes 1 de xullo e rematará o 30 de setembro. As dúas alumnas da Universidade da Coruña (UDC) seleccionadas nesta terceira convocatoria realizarán un total de 200 horas de prácticas e recibirán unha axuda mensual de 523,17 euros.

A alumna da Escola Universitaria en Deseño Industrial (EUDI), Irene Rodríguez Ríos, está a realizar unha investigación integral sobre a evolución das técnicas de representación visual, desde o debuxo a man alzada e as ferramentas dixitais ata as actuais posibilidades que ofrece a intelixencia artificial no que atinxe á xeración de imaxes. Da man da integrante do grupo de Investigación en Historia da Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC), Cristina Prado Acebo, analizará como estas técnicas inflúen na creatividade e na súa aplicación en contextos educativos e profesionais, buscando enriquecer os contidos e difundir os resultados.

Pola súa banda, a estudante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Arlene Dámera Figueredo, está a desenvolver unha liña de investigación centrada na produción sostible de hidróxeno verde a partires de fontes renovables, principalmente enerxía solar e eólica mariña. Xunto coa investigadora do grupo Materials and Renewable Energy for Engineering, Environment and Sustainability (MARES) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Laura Castro Santos, tratará de identificar puntos críticos na cadea de produción e de propoñer estratexias para a mellora ambiental.

A III convocatoria das Bolsas de Verán do Campus Industrial de Ferrol estaba dirixida ao alumnado matriculado no último curso de grao ou de máster de calquera das titulacións do campus, co obxectivo de incorporalo ao día a día do persoal e dos grupos de investigación que traballan nos eidos da robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos industriais, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.

de esquerda a dereita, a alumna do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial, Irene Rodríguez Ríos, e a estudante o máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, Arlene Dámera Figueredo, acadaron as dúas bolsas de verán que ofertaba o Campus Industrial de Ferrol para este curso 2024/2
de esquerda a dereita, a alumna do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial, Irene Rodríguez Ríos, e a estudante o máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, Arlene Dámera Figueredo, acadaron as dúas bolsas de verán que ofertaba o Campus Industrial de Ferrol para este curso 2024/2