A primeira edición do Festival Novo Enfoque premia dous videoxogos nados na Universidade da Coruña

Ferrol, 30 de decembro de 2024.- A primeira edición do Festival Novo Enfoque, promovido por alumnado e estudantado egresado da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC), entregou, o pasado mes de novembro, os seus  premios e mencións nas categorías de Videoxogos, Imaxe Real e Animación, así como unha Mención Especial do FestivalFest e un premio outorgado polo público.

Na categoría de Videoxogos, Gael Alberto Quintela, alumno do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), fíxose co primeiro premio con Maestosia, un xogo no que experimenta coa música e o son como mecánicas xogables, abordando a saúde mental como tema principal.

A maiores, Speels & Spices, realizado pola produtora Emergency Meeting Studios, detrás da que están Martín Domínguez, Daniel Farrapeira, Iria Febrero, Antía Iglesias, Martín Joga, María Lebón, Sofía Marvizón, Javier Mayor e Beatriz Turiel, estudantes do grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, titulación que se imparte na Facultade de Ciencias da Comunicación, no Campus da Coruña, obtivo a Mención por Deseño Global cun título protagonizado por Soso, Vainilla, Percebe e outros moitos chefs con poderes especiais.

Na categoría de Imaxe Real, Noelia Sánchez, graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo (UVigo), obtivo o primeiro premio con Doente, unha produción dramática que segue a Marina quen, logo do falecemento da súa avoa, queda soa na casa que ambas compartían. Pola súa banda, Ramón Martínez, graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña (UDC), e Patricia Lleras, conseguiron a Mención por Logo Técnico con May You Live Too See the Dawn, unha fashion film fusionada con ciencia ficción que transporta ao espectador ou espectadora ata o ano 2107.

Na última das categorías, a de Animación, impúxose a graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (UVigo), Eva Vaeli, con Excoración, unha peza dramática na que se observa a viaxe emocional que realiza a súa protagonista, Theresa, a raíz do trastorno obsesivo compulsivo (TOC) que padece. Este título obtivo tamén o galardón outorgado polo público asistente á gala de entrega de premios.

Por último, a organización do Festival Novo Enfoque entregou a Mención Especial do Festival FacoFest que recaeu en Sinapse, unha peza dramática que narra o encontro entre Andrea, unha anciá con Alzheimer, e a súa filla, Marta, quen a visita na residencia onde vive. O título foi dirixido polo alumno do grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, titulación que se imparte na Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus da Coruña, Carlos Cuesta.

os mozos e mozas galardoados xunto con integrantes da organización ao remate da gala de entrega de premios do I Festival Novo Enfoque que tivo lugar, o pasado mes de novembro, na Facultade de Ciencias da Comunicación, no Campus da Coruña. Imaxe cedida pola organización do Festival Novo Enfoque.
os mozos e mozas galardoados xunto con integrantes da organización ao remate da gala de entrega de premios do I Festival Novo Enfoque que tivo lugar, o pasado mes de novembro, na Facultade de Ciencias da Comunicación, no Campus da Coruña. Imaxe cedida pola organización do Festival Novo Enfoque.