A profesora e investigadora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Xesús López Díaz, acada o Galardón 8M que outorga o Concello con motivo do Día da Muller

Ferrol, 14 de febreiro de 2023.-. A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Ana Xesús López Díaz, vén de acadar o XV Galardón 8 de Marzo que outorga o Concello de Ferrol con motivo do Día da Muller. A entrega do premio, aprobado por unanimidade polo Consello Municipal da Muller a proposta do goberno local, terá lugar, o vindeiro 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Teatro Jofre.

Ana Xesús López Díaz é profesora na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), investigadora do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) e socia fundadora de AMIT-GAL, o nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas. No ano 2021 foi nomeada Secretaria Xeral da Real Sociedade Española de Física. Comprometida cos dereitos das mulleres no eido da investigación, tamén forma parte do grupo especializado Mulleres en Física desta entidade desde o ano 2003 e ocupa o cargo de vicepresidenta desde 2018.

Do mesmo xeito, entre os anos 2012 e 2020 foi a responsable da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. Durante este período foi a encargada de redactar o primeiro e segundo Plan de Igualdade da institución e máis de ampliar o Protocolo fronte ao Acoso Sexual e por Razón de Sexo aos casos de acoso por orientación sexual e identidade ou expresión de xénero. Ao mesmo tempo, promoveu numerosas accións para visualizar ás mulleres científicas e para incorporar a dimensión de xénero na docencia e máis na investigación.

Ana Xesús López Díaz no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. Autor: Alberto Ramil.
Ana Xesús López Díaz no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. Autor: Alberto Ramil.