A Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento convoca a III edición do Concurso de Vídeos “Móvete polos ODS”

Ferrol, 20 de xuño de 2023.- A Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD) vén de convocar a terceira edición do Concurso de Vídeos “Móvete polos ODS”, unha iniciativa que pretende mobilizar e comprometer ás persoas participantes e ao resto da sociedade fronte aos grandes retos mundiais como poden ser o cambio climático, as desigualdades sociais e de xénero, a perda da biodiversidade ou mesmo a escaseza de auga.

Poderá presentarse ao certame, de xeito individual ou en grupo, o alumnado matriculado en calquera das titulacións de grao, máster e/ou programas de doutoramento das tres universidades públicas galegas ao longo do curso 2022/23. A temática terá unha relación directa coa contribución individual ou de cada organización á Axenda 2030 e aos seus obxectivos. Os vídeos terán unha duración máxima dun minuto e presentaranse en formato mp4 cunha resolución mínima de 1920x1080p. O xurado premiará a creatividade, a innovación e o impacto dos mesmos.

Os tres vídeos gañadores serán aqueles que acaden o maior número de likes na canle de YouTube da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD) ás 14:00 horas do 16 de novembro. O primeiro premio contará cunha dotación económica de 550 euros, o segundo de 350 e o terceiro de 200 euros. A maiores, o xurado do certame, integrado polos vicerreitores e vicerreitoras con competencias en materia de cooperación das tres universidades públicas galegas, outorgará un Premio á Innovación dotado con 400 euros. O prazo para presentar tanto os vídeos como a solicitude de inscrición no concurso permanecerá aberto ata ás 23:59 horas do 30 de setembro.

Premios para o alumnado do Campus Industrial de Ferrol

As alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, Candela Lado Hervés, Carla Pérez Paz e Alba García Ruíz, acadaron en novembro de 2022 o primeiro premio no II Concurso de Vídeos “Móvete polos ODS” co vídeo “Un outfit, mil consecuencias”. A maiores, outras cinco alumnas desta titulación da Facultade de Humanidades e Documentación, Alba Morán Martínez, Nerea Francos Hermida, Saray Sánchez Crespo, Carla Fraga Varela e Eva Estévez Bastero, conseguiron o segundo premio neste certame da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD) co vídeo “ODS, estás a tiempo”.

Pola súa banda, en novembro de 2021, as alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, Julieta Vélez Lacour, Antía Rodríguez Porto e Sara Veiguela Meignen, acadaron o primeiro premio do I Concurso de Vídeos ‘Móvete polos ODS’ coa peza “Fashion Victims”. Ao mesmo tempo, as súas compañeiras de carreira Eva Castro Vilaboy, Noa Alonso Pérez e Carla García Touriño recibían o terceiro premio do certame polo vídeo “Qué quieres ser?” e Lucía Sánchez Domínguez, Sabela Seco Pérez e Camila Ros Torres o Premio á Innovación polo vídeo “Moda por el clima”.

Traballo en rede entre as tres universidades galegas

A Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) está integrada pola Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e pola Universidade de Vigo (UVigo). Conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia e máis da Unión Europea. O seu obxectivo é o de promover o traballo en rede entre as tres universidades públicas galegas nos eidos da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (CUD) e da Educación para o Desenvolvemento (EpD).

 

Convocatoria – III Concurso de Vídeos ´Móvete polos ODS´

 

Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) – Campus Coruña – ocv@udc.gal

Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) – Campus Ferrol – ocvfer@udc.gal

 

Primeiro Premio – II Concurso “Móvete polos ODS” – “Un outfit, mil consecuencias”

Segundo Premio – II Concurso “Móvete polos ODS” – “ODS, estás a tiempo

A Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) coordina a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD) na Universidade da Coruña (UDC)
A Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) coordina a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD) na Universidade da Coruña (UDC)