Ferrol, 21 de marzo de 2022.- A Sala de Exposicións Carlos III da Fundación Exponav acolle mañá, martes 22 de marzo, ás 19:00 horas, a conferencia do director de Tecnoloxía e Transformación Dixital, Sistemas e Servizos de Navantia, Donato Martínez Pérez de Rojas, titulada “Rumbo hacia una Construción Naval 5.0”, no marco da Cátedra Jorge Juan que dirixe o profesor Pablo Fariña.
A construción naval é un negocio industrial eminentemente cíclico. Os investimentos prodúcense en momentos nos que melloran as expectativas dos armadores no sector civil e das administracións no sector de defensa e seguridade. Tal e como recoñece o propio Martínez Pérez de Rojas, estes ciclos xeran unha tensión elevadísima sobre os estaleiros que requiren aumentar a súa capacidade en momentos expansivos e reducila naqueles de menor investimento. Polo que, a continuidade e o crecemento do sector pasa por orientarse cara a Construción Naval 5.0, argumenta.