A UDC e Valdetires Ferrol FSF asinan un protocolo de colaboración para impulsar o deporte e os hábitos saudables

A Coruña, 11 de maio de 2026.- A Universidade da Coruña (UDC) e o club Valdetires Ferrol FSF formalizaron un protocolo xeral de colaboración orientado á promoción do deporte e dos hábitos de vida saudable no seo da comunidade universitaria. O acordo foi subscrito no Campus de Ferrol polo reitor da UDC, Ricardo José Cao Abad, e pola presidenta do Valdetires Ferrol FSF, Laura García Meizoso, e ten como principal obxectivo reforzar a cooperación entre ambas as dúas entidades.

O protocolo establece un marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas no ámbito do deporte e a saúde, así como para o impulso de iniciativas que favorezan a conciliación da actividade académica e a práctica deportiva, especialmente no caso do estudantado deportista.

Entre as liñas de actuación previstas inclúense o fomento de hábitos saudables na comunidade universitaria, a organización de actividades e xornadas de promoción deportiva, así como a colaboración en proxectos formativos, científicos e de transferencia de coñecemento vinculados ao deporte.

O acordo tamén contempla medidas específicas para facilitar a compatibilidade entre estudos e deporte de alto nivel, como a flexibilidade académica ou a adaptación dos calendarios de avaliación, co fin de evitar que o estudantado deportista teña que renunciar á súa formación ou á súa carreira deportiva.

Pola súa banda, o Valdetires Ferrol FSF colaborará na formación do alumnado mediante prácticas no club e a participación do seu cadro técnico en actividades docentes, ademais de contribuír á difusión do deporte e á dinamización da vida universitaria.

O protocolo incorpora, ademais, un compromiso expreso co fomento de contornos deportivos seguros, libres de violencia, acoso ou discriminación, e co impulso de valores como a igualdade, a sustentabilidade e a convivencia social.

A duración inicial do acordo será de catro anos, prorrogables, e desenvolverase a través de convenios específicos que concretarán as actuacións a realizar.

Con esta colaboración, a Universidade da Coruña reforza a súa aposta pola promoción do deporte universitario e polo apoio ao estudantado deportista, ao tempo que consolida a súa vinculación co tecido deportivo da súa contorna.

O acordo foi subscrito polo reitor da UDC, Ricardo José Cao Abad, e pola presidenta do Valdetires Ferrol FSF, Laura García Meizoso
O acordo foi subscrito polo reitor da UDC, Ricardo José Cao Abad, e pola presidenta do Valdetires Ferrol FSF, Laura García Meizoso