Ferrol, 7 de marzo de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, e o director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, o profesor Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, inauguran, este mércores 9 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Traballo, os actos conmemorativos do 50 aniversario das mobilizacións operarias (e sucesos) de Ferrol que tiveron lugar o 10 de marzo de 1972, en plena ditadura franquista.
No acto, intervirán o historiador e documentalista Eliseo Fernández Fernández, o vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco, José Gómez Alén, e o doutor en Historia Contemporánea, Bernardo Máiz Vázquez, quen lembrarán e analizarán todo o acontecido nas mobilizacións do sector naval na cidade de Ferrol nas que centos de traballadores foron feridos de bala pola carga da policía franquista, falecendo dous operarios da antiga Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, mentres reclamaban un convenio colectivo propio.
Ata o Campus Industrial de Ferrol achegaranse tamén tres deses operarios represaliados polo seu activismo sindical, Rafael Pillado Lista, Sari Alabau Albors e Alfonso Tellado Sande. A actuación dos gaiteiros Roberto Rama Castroagudín e Bernardo Máiz Bar, pechará unha xornada de lembranza na que tamén colaboran a Asociación Cultural Fuco Buxán e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra.