Ferrol, 6 de outubro de 2026.- A Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC) conmemora, este venres 9 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas, no Salón de Actos do Hospital Naval de Ferrol, o Día Internacional da Podoloxía cun acto no que se celebrarán os 25 anos da primeira promoción de titulados e tituladas en Podoloxía (1998 – 2001) e os 26 anos de traxectoria da Clínica Universitaria de Podoloxía, en funcionamento na cidade departamental desde o 31 de marzo do ano 2000.
Baixo o lema “25 anos de vocación, docencia e servizo á sociedade” e no marco do XII Outubro UDC Saudable, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol organiza unha xornada conmemorativa na que o público asistente poderá coñecer máis polo miúdo o percorrido da titulación na Universidade da Coruña (UDC) e achegarse á realidade actual desta profesión a través das vivencias e experiencias dalgunhas das persoas que formaron parte deste cuarto de século de historia: representantes académicos e institucionais, profesorado, alumnado e pacientes.
Neste percorrido adquire especial relevancia a estreita e continuada colaboración entre a Facultade de Enfermaría e Podoloxía e a Área Sanitaria de Ferrol, orientada a ofrecerlle ao alumnado a mellor formación teórica e práctica posible. Froito desta cooperación, estanse a ampliar os espazos de rotación formativa no ámbito podolóxico, grazas á implicación dos e das profesionais da Área Sanitaria.
No acto de inauguración, previsto para as 12:00 horas, participarán a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, Ana María Requeijo Constenla; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso; a xerenta da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, e o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso.
Unha ollada ás orixes e á realidade actual da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía
O programa da xornada conmemorativa inclúe, ás 12:30 horas, unha primeira mesa redonda centrada nas orixes da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía, situada no Hospital Naval de Ferrol. Intervirán a exsubdirectora e exdirectora da Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía (1999 – 2005 e 2009 – 2011) e exdecana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía (2011 – 2016), Nuria Esther Varela Feal; a primeira coordinadora do título de Podoloxía (1998 – 2005), Julia María Janeiro Arocas; e o primeiro coordinador da Clínica Universitaria de Podoloxía (2000 – 2005), Francisco Alonso Tajes.
A perspectiva do alumnado e das persoas usuarias estará representada pola alumna da primeira promoción de diplomados e diplomadas en Podoloxía (1998 -2001), María Dolores Martínez Rodríguez, e máis pola paciente da Clínica Universitaria de Podoloxía desde o ano 2012 e experta en enfermidades autoinmunes, Pilar Pazos Casal.
Ás 13:00 horas dará comezo a segunda mesa redonda co foco posto na realidade actual da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía. Nela, participarán o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso; a directora do Departamento de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña (UDC), Carolina Rosende Bautista; e a directora da Clínica Universitaria de Podoloxía, Raquel Veiga Seijo.
Tamén intervirán o presidente da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía (AGEP UDC) e alumno da XII promoción de graduados e graduadas en Podoloxía (2020 – 2024), Lois Vázquez Campos, e o paciente da Clínica Universitaria de Podoloxía desde o ano 2017 e presidente da Asociación de Diabéticos de Ferrolterra (ADF), José Manuel García Romero.
A xornada concluirá, ás 13:30 horas, cun acto de peche e máis co descubrimento dunha placa conmemorativa nas instalacións da Clínica Universitaria Podolóxica, como lembranza desta efeméride e dunha traxectoria de máis dun cuarto de século vinculada á formación universitaria e ao servizo da sociedade desde Ferrol.
*Día Internacional da Podoloxía, 8 de outubro
