A Universidade da Coruña intégrase nunha rede internacional de cooperación académica coa industria do campo da automatización e electromobilidade

A Coruña, 24 de xullo de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinou esta mañá na Reitoría un convenio de colaboración con Adriano Mones, director de Desenvolvemento de Negocio de Phoenix Contact E-Mobility e embaixador de EduNet en España, ademais de presidente de AEDIVE, a patronal do sector da mobilidade eléctrica.

Asistiron ao acto de firma, ademais, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz; o responsable do laboratorio EduNET da EPEF, Francisco Zayas; e o responsable do convenio asinado, o profesor José Luis Calvo Rolle.

O obxectivo do convenio é incorporar á UDC á rede EduNET para promover o desenvolvemento de proxectos vinculados á automatización industrial e á mobilidade eléctrica. Ademais, a firma alemá Phoenix Contact, promotora da rede, doou material e equipos para un laboratorio especializado na EPEF. A colaboración entre as dúas entidades en temas de investigación e docencia permitirá potenciar os estudos de Enxeñaría Industrial da UDC, así como o Campus Industrial de Ferrol, como coincidiron en destacar tanto o reitor como o embaixador de EduNET en España.

Coa firma deste convenio a UDC convértese na cuarta universidade española que pasa a formar parte desta rede internacional de universidades, composta por 140 universidades dos cinco continentes.

Este acordo fomentará a transferencia de coñecemento e a colaboración entre a institución académica e o contorno empresarial, promovendo novas formas de convivencia e progreso tecnolóxico.

Coa rede internacional de ensino superior EduNet, Phoenix Contact fomenta a interacción e a cooperación entre as institucións de ensino superior e a industria no campo da automatización e da electromobilidade. A través da rede intégranse nos planes de estudos coñecementos sobre aplicacións e fabricantes da tecnoloxía de conexión industrial e control electrónico en sectores tan destacados como é a electrificación do transporte e as infraestruturas de recarga para o vehículo eléctrico.

 

Phoenix Contact

Phoenix Contact é líder mundial no desenvolvemento de tecnoloxía para o sector da mobilidade eléctrica, sendo o principal provedor de compoñentes industriais do sector do automóbil para a súa electrificación. Fundada hai 100 anos en Essen, Alemaña, esta empresa ten presenza en Galicia desde hai 25 anos e emprega a máis de 150 persoas en España.

Phoenix Contact E-Mobility, filial de Phoenix Contact, con sede en Alemaña, ofrece tecnoloxía de carga para vehículos así como para a infraestrutura de recarga.

 

EduNET

EduNet é unha rede internacional formada por universidades e industria no campo da tecnoloxía de automatización. Promove a transferencia de coñecemento e a cooperación internacional. Coa fundación de EduNet, Phoenix Contact creou unha iniciativa que cubre os requisitos das universidades e a industria en canto á actualidade e relevancia práctica en igual medida. Coa axuda da rede, pode integrar o coñecemento do usuario e do fabricante da tecnoloxía de automatización no ensino.

 

Aedive

Creada en abril de 2010, Aedive é a Asociación Empresarial para el Desenvolvemento e Impulso da Mobilidade Eléctrica, unha agrupación de empresas Innovadoras que aglutina a toda a cadea de valor do vehículo eléctrico.

O reitor, Julio Abalde, e o director de Desenvolvemento de Negocio de Phoenix Contact E-Mobility, embaixador de EduNet en España, e presidente de AEDIVE, Adriano Mones, no momento da sinatura do convenio.
O reitor, Julio Abalde, e o director de Desenvolvemento de Negocio de Phoenix Contact E-Mobility, embaixador de EduNet en España, e presidente de AEDIVE, Adriano Mones, no momento da sinatura do convenio.

 

Desde a esquerda, o profesor e impulsor do convenio, José Luis Calvo Rolle; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; o reitor, Julio Abalde, o representante da empresa Phoenix Contact en España, Adriano Mones; o director da EPEF, Vicente Díaz; e o responsable do laboratorio EduNET, Francisco Zayas.
Desde a esquerda, o profesor e impulsor do convenio, José Luis Calvo Rolle; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; o reitor, Julio Abalde, o representante da empresa Phoenix Contact en España, Adriano Mones; o director da EPEF, Vicente Díaz; e o responsable do laboratorio EduNET, Francisco Zayas.