Ferrol, 17 de xullo de 2026.- A Universidade da Coruña (UDC), a través da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte, mantén aberto o prazo para a presentación de propostas destinadas ao deseño e impartición dos obradoiros culturais que formarán parte da programación do curso académico 2026/27 no Campus Industrial de Ferrol. A convocatoria está dirixida a asociacións, cooperativas, fundacións e/ou empresas interesadas en desenvolver actividades de carácter cultural, artístico ou creativo que contribúan a enriquecer a oferta de extensión universitaria da institución.
As entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata as 14:00 horas do venres 24 de xullo. As solicitudes deberán incluír unha memoria descritiva do contido e dos obxectivos do obradoiro, a planificación das sesións, o currículo da persoa ou das persoas que integren o equipo docente, así como o resto de documentación administrativa requirida na convocatoria. As propostas poderán incluír actividades vinculadas á fotografía, á música, á danza, ao teatro, á escritura ou a calquera outra disciplina artística ou cultural de interese.
Os denominados obradoiros estruturais de formación progresiva, centrados na adquisición de competencias sólidas e no desenvolvemento de proxectos ou procesos de creación, terán unha duración de 60 horas, repartidas de xeito equilibrado entre os dous cuadrimestres do curso académico. No caso dos obradoiros de proposta libre, a duración non poderá superar as 30 horas e estarán orientados á experimentación, á introdución de novas disciplinas ou á exploración de formatos creativos. Cómpre lembrar que todas as actividades estarán dirixidas á comunidade universitaria e ao público xeral interesado.
As asociacións, cooperativas, fundacións e/ou empresas interesadas que desexen obter máis información poden contactar coa Área de Cultura da Universidade da Coruña (UDC) enviando un correo electrónico a cultura.ferrol@udc.es ou ben chamando ao 881 01 3697.