A Universidade da Coruña presenta mañá a oitava edición da FIRST LEGO League Galicia nos xardíns do Campus Industrial de Ferrol

Integrantes dun dos equipos da FLL Galicia disputando o Xogo do Robot. Imaxes de arquivo.

Ferrol, 24 de febreiro de 2022.- Os xardíns do Campus Industrial de Ferrol acollen mañá, venres 25 de febreiro, ás 11:30 horas, a rolda de prensa de presentación da oitava edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) que organizan a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña baixo o paraugas da asociación ingeniera.soy. O acto estará presidido pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, o primeiro tenente de alcalde de Ferrol e concelleiro de Universidade, Antonio Golpe Díaz, a directora do Campus Industrial, Ana Ares Pernas, o director comisionado da EPEF, Andrés Piñón Pazos, e o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra Permuy.

A FIRST LEGO League Galicia terá lugar o vindeiro sábado 5 de marzo no Auditorio Municipal de Ferrol e no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño volvendo así á modalidade presencial logo de que o ano pasado tivese lugar en liña por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19. Ao igual que en edicións anteriores, o evento conta coa colaboración do IGAPE, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocina a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Gadis, R Cable, ERROL! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e TodoOcio.

Que é a FIRST LEGO League?

FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este é un desafío conformado por tres ámbitos de traballo:

  • Deseñar, construír e programar un robot.
  • Desenvolver un proxecto de innovación que dea solución a un problema proposto por eles mesmos dentro da temática anual.
  • Demostrar uns valores de equipo.

 

FIRST LEGO League ten unha dobre misión:

  • Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos.
  • Desenvolver habilidades e competencias de futuro.