A Xunta achega este ano ao Campus Industrial de Ferrol 2,4 millóns de euros, a maior partida da súa historia

Ferrol, 20 de febreiro de 2023.- A Xunta de Galicia destina no presente ano un total de 2,4M€ ao impulso do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, o investimento máis alto destinado ata o momento a este campus que foi o primeiro de especialización acreditado no Sistema Universitario Español. Con este montante, o campus poderá avanzar no impulso de accións de carácter científico e na implementación de infraestruturas específicas como o seu futuro Centro de Investigación en Industria Intelixente (Ci3).

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla; co vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo; co vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e coa directora do Campus Industrial, Ana Ares, para avaliar o estado dos proxectos e o seu desenvolvemento futuro.

Posteriormente, efectuaron unha visita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e revisaron os principais equipamentos do campus, á que se sumou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. O percorrido incluíu tamén paradas na Aula Navantia Siemens e en diversos laboratorios do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais.

Desde o ano 2005, cando se iniciou o proxecto do que hoxe é o Campus Industrial de Ferrol, a Xunta de Galicia leva investido nel máis de 7,5M€ para o reforzo de accións enfocadas principalmente a reforzar a actividade científica centrada en focos estratéxicos moi vencellados ao territorio no que se insire, que son o naval, o oceánico e o industrial.

 

Relación coa contorna

En 2021 foi o primeiro campus en obter a acreditación de especialización de Galicia e de España, un selo de calidade que lle permite, entre outros, potenciar as súas estruturas de investigación e estreitar as relacións coas empresas da contorna, o que repercutirá no desenvolvemento de toda a área de Ferrolterra.

O Campus industrial de Ferrol basea a súa especialización en cinco áreas, ligadas aos piares fundamentais da fábrica do futuro: a robótica aplicada á industria, a fabricación aditiva e de materiais intelixentes, a optimización dos procesos industriais e loxísticos, o deseño industrial e desenvolvemento de produto e a xestión da formación, talento humano e riscos na fábrica do futuro.

A través delas, búscase reforzar as sinerxías con sectores fundamentais para a comarca como a industria naval, o metal, o sector marítimo e portuario-loxístico ou a xeración de enerxía

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo do campus para avaliar os novos proxectos no eido da investigación e da especialización.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo do campus para avaliar os novos proxectos no eido da investigación e da especialización.