Ferrol, 17 de xullo de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, xunto coa vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, e a directora do Campus Industrial, Ana Ares, reuníronse esta mañá co secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, para analizar os proxectos do Campus Industrial de cara á renovación da acreditación do selo de calidade da Xunta.
Desde a Consellería destacaron a evolución positiva do Campus Industrial como campus de excelencia e emitiron un informe previo favorable á renovación deste selo de calidade para os próximos anos, xa que a acreditación actual está vixente polo período de catro anos entre 2021 e 2024.
Ao longo deste día, manteranse diversas reunións para analizar o traballo realizado neste período. Esta xornada de análise, que se enmarca dentro das accións de seguimento da Secretaría Xeral de Universidades, completarase con visitas aos distintos laboratorios e instalacións do campus para coñecer de xeito máis pormenorizado proxectos especialmente relevantes como o que realiza o Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC-Navantia.
Díez de Castro entregou esta mañá o informe intermedio con cualificación positiva do Campus Industrial. Este informe é imprescindible para afrontar a renovación do selo de excelencia para o próximo período. Este proceso retomarase a partir de setembro coa avaliación do comité avaliador externo.
No mencionado informe constátase a “evolución positiva dos indicadores fixados” polo dito comité, de aí que o departamento de Universidades informe favorablemente para que continúe mantendo a acreditación outorgada en 2021 como campus de especialización nos eidos naval e oceánico e no sector industrial.
De feito, o Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de Galicia e de España en obter este selo de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que, desde que arrancou como proxecto en 2015, leva investidos uns 6,4M€ nel. Precisamente a semana pasada o Consello da Xunta autorizou unha nova achega de preto de 230.000€ para o ano 2024 co obxectivo de seguir desenvolvendo este proxecto de especialización centrado na investigación, a transferencia e a internacionalización.