Alicia Munín Doce asume a codirección da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, impulsada pola Universidade da Coruña e máis por Navantia

Ferrol, 5 de outubro de 2026.- A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín Doce, vén de ser nomeada codirectora da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e máis por Navantia. Exercerá esta función xunto con Rafael Morgade, responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol e codirector desde o curso 2025/26.

Alicia Munín Doce afronta esta nova responsabilidade “con moita ilusión” e fala “dun novo reto” que abre múltiples posibilidades para estreitar a colaboración xa existente entre a Universidade da Coruña (UDC) e Navantia. A nova codirectora salienta a oportunidade que supón a continuidade desta Cátedra para potenciar a relación entre o Campus Industrial de Ferrol e o sector naval.

Cómpre sinalar que xa conta con experiencia neste ámbito ao estar á fronte da Cátedra Jorge Juan, promovida pola institución herculina e pola Armada, durante o curso 2025/26. Agora, asume a codirección da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos tomando o relevo da tamén profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez García, quen a codirixiu deste o seu nacemento en 2017.

Munín Doce quixo salientar o labor desenvolvido pola súa predecesora durante todos estes anos. “Ana fixo un traballo extraordinario á fronte da Cátedra”, afirmou. Entre as iniciativas impulsadas ao longo desta etapa figuran o premios aos Traballo Fin de Máster (TFM) e a organización de numerosas conferencias a cargo de profesionais vinculados ao eido naval. Segundo sinala a nova codirectora, estas actividades contribuíron a ampliar os coñecementos sobre a industria naval e a ofrecer novas perspectivas sobre o sector ao alumnado da Escola, á comunidade universitaria e ao público xeral interesado. “O seu labor demostra o amplo e variado que é o noso sector, e que aínda queda moito por facer”, conclúe.

Unha traxectoria ligada á enxeñaría naval e á investigación

Alicia Munín Doce é enxeñeira Naval e Oceánica así como doutora en Enxeñaría Naval e Industrial pola Universidade da Coruña (UDC). Desde o ano 2020 coordina o grao en Enxeñaría Naval e Industrial, titulación que oferta a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Do mesmo xeito, imparte tamén docencia no programa de simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, no máster en Enxeñaría Naval e Oceánica e no máster en Enxeñaría Industrial.

No que atinxe á súa faceta investigadora, Alicia Munín Doce pertence ao Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC) e está adscrita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. As súas liñas de investigación están centradas no ámbito do xemelgo dixital aplicado ao sector naval. A maiores, conta cun bo número de artigos publicados en revistas especializadas, ten participado en diversos congresos nacionais e internacionais e figura como investigadora principal en varios proxectos financiados pola Unión Europea.

Antes da súa incorporación á institución herculina no ano 2010, Alicia Munín Doce traballou como técnica de investigación en diversos proxectos sobre o control de parámetros en soldadura robotizada no Centro de Innovación e Servizos de Galicia, hoxe en día, CIS Tecnoloxía e Deseño. Máis tarde, incorporouse ao Centro Tecnolóxico Naval de Galicia (CETNAGA), onde centrou boa parte da súa actividade investigadora na análise e no estudo dos aspectos económicos do sector marítimo e no do mantemento de flotas.

a nova codirectora da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, Alicia Munín, diante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
a nova codirectora da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, Alicia Munín, diante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).