Alumnado da Escola de Deseño Industrial desfilará no Teatro Jofre na pasarela de traxes tradicionais galegos da Asociación Etnográfica Sete Espadelas

O Campus Industrial de Ferrol e a Escola Universitaria de Deseño Industrial participan mañá, venres 17 de marzo, ás 20:30 horas nunha pasarela de traxes tradicionais galegos que se celebrará no Teatro Jofre de Ferrol.

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra co apoio institucional do Concello de Ferrol, do Campus Industrial da Universidade da Coruña e da Escola Universitaria de Deseño Industrial presentará no Teatro Jofre o seu espectáculo “A Tradición no Espello” unha  pasarela de traxes xa amosada, con grande éxito de asistencia, en Pontevedra no Pazo da Deputación provincial, na Coruña no Teatro Colón, en Santiago de Compostela no Panteón de Galegos Ilustres, entre outros escenarios.

A Tradición no Espello é un espectáculo que nace cos obxectivos de dar a coñecer e poñer en valor o traxe tradicional galego.

Un desfile de 55 traxes: de Muros, Leiro, Santiago, As Mariñas, Malpica de Bergantiños, A Estrada, Ourense, entre outros, que sumarán un total de máis de 900 pezas de indumentaria, amosadas enriba do escenario.

Poderanse ver traxes de garda, domingueiros, de ir á vila, de decotío ou de loito; moitos deles antigos e outros, reproducións fidedignas froito de anos de labor de recollida, estudo e investigación. A Asociación Etnográfica Sete Espadelas conta no seu currículo con 45 premios no Día do Enxalzamento do Traxe de Santiago de Compostela, 11 premios Antón Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego, e 30 pasarelas.

A colaboración do Campus Industrial de Ferrol iniciouse o pasado 9 de marzo coa realización do workshop “A Posta en Valor do Traxe Tradicional Galego. Organización dunha Pasarela” impartido polos coleccionistas de indumentaria antiga e fundadores da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, David Quiñones Vázquez e José Luis Rodríguez Álvarez na Escola Universitaria de Deseño Industrial. O alumnado asistente a este obradoiro participará agora desfilando na pasarela este venres no Teatro Jofre, pechando deste xeito o círculo iniciado no workshop.