Ferrol, 20 de xullo de 2023.- Cristina Durán Calvo, Candela Sobrino Cabañés, Xiana Rama Sestayo, Sergio Mosquera Mosteiro, Mateo Aller García, Yared Grimaldi Pérez e Nicolás Blanco Arias, estudantes do primeiro curso do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica do Campus Industrial de Ferrol deseñaron e desenvolveron, no marco da materia de Expresión Gráfica, ao longo do segundo cuadrimestre do curso 2022/23 un mamparo corrugado ou, o que é o mesmo, o tabique de metal que divide os distintos compartimentos dun barco.
Fixérono en colaboración con outros 12 estudantes da Universidade Peruana de Ciencias Aplicadas (UPC) e baixo a titorización das profesoras da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez e Sara Ferreño, no marco do Proxecto COIL (Collaborative Online Internacional Learning), unha metodoloxía docente baseada na colaboración entre dúas universidades de distintos países na que participa activamente tanto o profesorado como o alumnado e na que se bota man da tecnoloxía e da interacción en liña.
Ao longo de sete semanas, os estudantes da Universidade da Coruña (UDC) e os da Universidade Peruana de Ciencias Aplicadas (UPC) mantiveron constantes reunións de traballo a través de Teams e doutras redes de mensaxería instantánea nas que se achegaron á realidade de cada un dos países, identificaron a peza que debían deseñar e desenvolver, avaliaron o proceso de fabricación de matrices, validaron o proceso de automatización e revisaron tanto o resultado do deseño como o da fabricación do mamparo corrugado.