Ferrol, 5 de xullo de 2023.- Os estudantes do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Boris Cisneros García, Miguel García Rivadulla, Iago Valín García, Elena Ferrera González, Daniel Cuerva Vidales, Francisco Javier Pascual Vidal, Borja Añón Lema e Alejandra Marcela Contreras Sanz, someten á valoración do público asistente ao Congreso Internacional Mundos Dixitais o seu videoxogo “A Bot to The Top” co obxectivo de detectar posibles erros e mellorar así a súa usabilidade e accesibilidade.
Trátase dun videoxogo de plataformas táctico 2.5D desenvolvido como Traballo Fin de Máster no que o xogador ou xogadora controla un robot a través dun mapa vertical polo que debe ascender planificando cada salto con antelación, evitando caer para chegar ata o cumio. O xogo poderá probarse desde mañá xoves ata o sábado no stand da Universidade da Coruña onde tamén se poderán visualizar os trailers e gameplays doutros dous proxectos desenvolvidos no marco do máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) como son “After Juice” e “Quack Time Event” e doutros tres proxectos levados a cabo na materia de Proxecto de Videoxogos do 3º curso do grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos que se imparte na Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña e que levan por título “Hangover in Neverland”, “Umbra” e “Zima”.
Un programa con grandes nomes
Así, desde mañá xoves 6 ata o sábado 8 de xullo o Pazo de Congresos Palexco da Coruña acollerá, no marco do Congreso Internacional Mundos Dixitais, a algunhas das grandes figuras do sector. Os amantes da sétima arte contarán coa presenza do FX Supervisor de Avatar, película gañadora do Óscar a Mellores Efectos Visuais 2023, e que é, ademais, alumni da UDC, David Caeiro. A el únese o deseñador de personaxes de Pinocho, responsable da creación dos personaxes da oscarizada película de Guillermo del Toro. Xunto a eles, The Sea Best. a produción máis importante do ano de Sony Animation Studios e nomeada aos Oscars, e cunha presentación que correrá a cargo doutro coruñés que tamén realizou os seus estudos na UDC. Contarase tamén coa presenza de Super Mario Bros, coa presentación por parte do director de animación da película, que conta co maior éxito de recadación da historia e que está a bater todos os récords no sector. Haberá unha sesión especial cos creadores de Arcane, a serie televisiva de aventuras ambientada no universo de League of Legends.
A Intelixencia Artificial contará cun espazo destacado no programa deste ano, algo que parece en grao sumo lóxico tendo en conta que na Coruña vaise montar na Cidade das TIC, posiblemente o máis avanzado estudio virtual do país. Neste marco encaixa tamén a presenza das Rodaxes Virtuais. No marco do Plan España Hub Audiovisual impulsado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Spain Film Commission e como unha das súas tres liñas estratéxicas, inclúe a contribución á transformación do sector audiovisual español. Para iso, e tras un intenso labor de análise no que se traballou estreitamente con máis de 30 destacados profesionais do sector, considera que Mundos Dixitais, e en primicia, é o marco perfecto para trasladar ao sector as conclusións obtidas nesta análise das novas formas de rodaxes virtuais e as súas implicacións técnicas, xurídicas e económicas.
A estas dúas importantes liñas de contido súmase, como cada ano, a Feira de Emprego, que por segundo ano convértese na máis grande do sector en Europa e na que numerosas compañías tanto nacionais como internacionais -entre as que mesmo haberá unha empresa australiana que estará presente nesta actividade de identificación de talento para incorporar ás súas próximas producións-, interactuarán e coñecerán aos futuros profesionais do sector, buscando captar novo talento.