As cidades de Sevilla e Ferrol acollen do 3 ao 6 de outubro o IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval que organiza a Cátedra Ghenova – UDC

Ferrol, 2 de outubro de 2023.- O Global Omnium Auditorio e o Peirao XXI situado nas instalacións do Acuario de Sevilla acolle desde mañá, martes 3, ata o vindeiro xoves 5 de outubro, o IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval que organiza o Instituto Panamericano de Enxeñaría Naval Américas (IPIN) en colaboración coa Cátedra Ghenova – Universidade da Coruña e no que participan máis de 350 especialistas e representantes de universidades, centros de investigación, armadas, armadores, estaleiros, portos, enxeñarías, industria, sociedades de clasificación e outras autoridades do sector que debaterán sobre a enxeñaría naval, o seu futuro e o seu impacto tanto na sociedade como no planeta.

Durante o segundo día de congreso, o mércores 4 de outubro, terá lugar o cumio de Economía Azul no que participarán diversos representantes dos clústers marítimos. A clausura do mesmo rematará cunha cea de gala e coa entrega da primeira edición dos “Premios Iberoamericanos de Economía Azul” nos Reales Acázares de Sevilla.

No marco do IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval, a Armada ofrecerá un acompañamento especial coa presenza do patrulleiro de altura “Vigía” que remontará as augas do río Guadalquivir. É un dos catro patrulleiros de altura da Armada que compoñen a clase “Serviola”.

Campus de Ferrol

Por último, o xoves 5 de outubro, o congreso iniciará a súa extensión a Ferrol onde os congresistas inscritos poderán visitar, xa o venres 6 de outubro, o Campus Industrial da Universidade da Coruña, a factoría de Navantia, o Museo de Construción Naval e o Estaleiro de Fene, instalacións nas que terán lugar diversas mesas de traballo.

As cidades de Sevilla e Ferrol acollen do 3 ao 6 de outubro o IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval que organiza a Cátedra Ghenova - UDC
As cidades de Sevilla e Ferrol acollen do 3 ao 6 de outubro o IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval que organiza a Cátedra Ghenova – UDC