Ferrol, 3 de maio de 2022.- Por segundo ano consecutivo, un grupo de estudantes do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol está a realizar as súas prácticas curriculares en Inovace, unha das poucas empresas que existen en España especializada na creación de experiencias inmersivas a través de tecnoloxías como a realidade virtual ou a realidade aumentada.
Desde Siero, en Asturias, Mónica García Arranz e Alicia Puentes Arnoso, traballan na creación dunha experiencia de realidade virtual inspirada no universo Marvel e, máis concretamente, nun dos seus personaxes máis coñecidos, o Doutor Estrano. Pola súa banda, Juan García Álvarez e Sergio García Álvarez, colaboran nun proxecto que ten como protagonistas aos Pitufos. Os xogos nos que están a traballar estes catro estudantes do Campus Industrial de Ferrol chegarán moi pronto ás salas do centro de entretemento e ocio familiar da Marvel Mission de Lisboa, no caso da experiencia do Doutor Estrano, e do Centro Madlab de Oviedo, no que atinxe ao proxecto dos Pitufos.
Hai tan só un par de días, a coordinadora do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro Pena, visitaba as instalacións de Inovace en Siero. Esta empresa especializada na creación de experiencias inmersivas pertence ao grupo empresarial No Group e ten entre os seus clientes a xigantes como Lego ou Coca Cola. Na reunión coa CEO de No Group, María José Posada, e co director técnico de Inovace, Theo García, analizáronse novas vías de colaboración entre o Campus Industrial de Ferrol e a empresa asturiana.