Comezan os traballos arqueolóxicos no castro de Esmelle, promovidos pola Cátedra de Arqueoloxía Concello de Ferrol – Universidade da Coruña

A Coruña, 26 de xullo de 2023.- Hoxe, 26 de xullo, iniciarase a investigación de campo no castro de San Xoán de Esmelle (Ferrol), promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, que foi creada en virtude dun convenio asinado entre o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña en setembro de 2022. Un equipo de arqueólogos liderado por Samuel Nión (investigador da Universidade de Santiago de Compostela), en calidade de director técnico, e por Juan Luis Montero Fenollós (profesor da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, Universidade da Coruña), como director científico do proxecto, xunto cun grupo de estudantes voluntarios en prácticas, levarán a cabo os primeiros traballos de escavación no castro ferrolán ata o próximo 4 de agosto.

Á espera de que se realice a limpeza integral de toda a vexetación que invade o castro, situado en terreos de titularidade municipal, o equipo de arqueólogos realizará nos próximos días unha sondaxe arqueolóxica na ladeira oriental do xacemento para coñecer de primeira man algúns dos restos que encerra este asentamento da Idade do Ferro. Ata a data a única escavación científica dun castro efectuada na zona rural de Ferrol foi a do castro de Santa Comba, en Covas, unha campaña promovida pola Sociedade Cultural Columba en 2001.

O obxectivo da Cátedra de Arqueoloxía da UDC é organizar campañas anuais para escavar un sector do castro de Esmelle, chamado Tralocastro na zona, para coñecer mellor o patrimonio arqueolóxico ferrolán na Idade do Ferro, no marco dunha escola de verán de prácticas de arqueoloxía e, a continuación, traballar na súa recuperación e musealización, co fin de convertelo nun recurso cultural e educativo, xunto coa aula didáctica para escolares, o chamado arqueódromo, que se está montando no Centro Cultural Torrente Ballester. Desta maneira, a escola de arqueoloxía do castro de Esmelle e o arqueódromo conformarán un conxunto de educación patrimonial único en Galicia.

Os resultados destes primeiros traballos daranse a coñecer ao público nunha exposición a final de ano no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol.

Vista aérea do castro de Esmelle, en decembro 2022 (foto: E. Taboada)
Vista aérea do castro de Esmelle, en decembro 2022 (foto: E. Taboada)