Ferrol, 21 de xuño de 2023.- As alumnas do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), María Bañón Goiriz e Marta Moreno Nieto, acadaron as dúas bolsas de verán que ofertaba o Campus Industrial de Ferrol para este curso académico.
María Bañón Goiriz incorporouse a comezos de xuño ao equipo de traballo do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) onde, baixo a titorización do investigador Abraham Prieto, colabora no proxecto Erasmus + AIM@Vet, unha iniciativa europea na que se busca desenvolver unidades didácticas para o alumnado de formación profesional cun enfoque práctico en robótica industrial e robótica móbil.
Pola súa banda, Marta Moreno Nieto incorporouse ao Grupo de Polímeros e, baixo a tutela da investigadora María José Abad, está a traballar no desenvolvemento de polímeros compostos funcionais aptos para empregar en tecnoloxías de fabricación aditiva.
A I Convocatoria de Bolsas de Verán do Campus Industrial de Ferrol estaba dirixida ao alumnado matriculado no último curso de grao ou máster de calquera das titulacións do campus co obxectivo de incorporalo ao día a día do persoal e dos grupos de investigación que traballan nos eidos da robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos industriais, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento do produto.
O período de prácticas abrangue desde o 1 de xuño ata o 31 de xullo. As alumnas realizarán un total de 25 horas semanais e recibirán un axuda mensual de 746,21 euros.