Dúas alumnas do Campus Industrial de Ferrol colaboran no deseño dunha camiseta polo Día Internacional do Sarcoma da man de ASARGA

Ferrol, 8 de xullo de 2025.- Clara Souto Ferreiro (A Coruña – 2003) e Carla Pérez Paz (A Coruña – 2003), alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), participaron no deseño dunha camiseta conmemorativa polo Día Internacional do Sarcoma (13 de xullo) da man da Asociación Sarcomas Grupo Asistencial (ASARGA). Unha prenda solidaria que será presentada, oficialmente, este venres 11 e sábado 12 de xullo, no marco dun festival no que tamén participa a Agrupación Cultural Son d´Aquí e que terá lugar na coruñesa praza da Leña.

Un gran faro iluminado e unha frase: “Visibilizando lo invisible”. Esta foi unha das propostas presentada polas alumnas do Campus Industrial de Ferrol para o deseño dunha camiseta que debía servir para “facer visible” a enfermidade, sensibilizar á sociedade e para recadar fondos. Traballar neste proxecto xunto con ASARGA “permitiunos conectar cunha causa importante e comprender o valor do deseño como ferramenta para xerar conciencia e transmitir unha mensaxe de apoio e visibilidade”, explica Clara Souto Ferreiro. Tamén nos fixo ver o deseño desde outra perspectiva, “entendendo como a creatividade tamén pode ter un impacto social real”, engade Carla Pérez Paz.

Nos próximos días, esta camiseta solidaria estará dispoñible para a súa venda en varios comercios de proximidade do barrio coruñés de Montealto, convidando así á cidadanía a colaborar de forma activa con esta causa. Con todo, a prenda tamén pode mercarse xa en liña a través da páxina web de ASARGA.

Clara Souto Ferreiro, alumna do grao en Xestión Industrial da Moda, e Mayte Deus Trasobares, presidenta de ASARGA, coa camiseta conmemorativa do Día Internacional do Sarcoma, nos xardíns do Campus Industrial de Ferrol
Clara Souto Ferreiro, alumna do grao en Xestión Industrial da Moda, e Mayte Deus Trasobares, presidenta de ASARGA, coa camiseta conmemorativa do Día Internacional do Sarcoma, nos xardíns do Campus Industrial de Ferrol