Estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol deseñan un prototipo de bicicleta que se manexa a través dunha emisora de radiocontrol

De esquerda a dereita, Álvaro Varela, Santiago Blanco, Emilio Sanjurjo, Eduardo Sobrino e Pablo Ruibal, co prototipo de bicicleta de radiocontrol, diante do Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol.

Ferrol, 27 de maio de 2022.- Álvaro Varela, Santiago Blanco, Eduardo Sobrino, Pablo Ruibal e María Camila Herrera, estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, veñen de deseñar un prototipo de bicicleta que se manexa a través dunha emisora de radiocontrol. O seu deseño e construción realizouse no marco de dúas materias optativas do cuarto curso dos graos en Enxeñaría Mecánica e en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, “Proxecto Interdisciplinar I” e “Proxecto Interdisciplinar II”.

Un ano máis, o profesor e investigador Emilio Sanjurjo, retou ao seu alumnado invitándoos a deseñar e construír unha bicicleta de radiocontrol que se estabilizase a través dos movementos da súa propia dirección. Botando man dunha bicicleta cedida por Ciclos Roca, o estudantado debía poder manexar de xeito remoto ese prototipo tendo capacidade para acelerar o seu movemento e modificar a traxectoria.

Na materia optativa de “Proxecto Interdisciplinar I” o alumnado levou a cabo a fase de deseño conceptual e na de “Proxecto Interdisciplinar II” a súa construción para o que se achegou en numerosas ocasións ata as instalacións do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica pertencente ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) do Campus Industrial de Ferrol. O apoio dos profesores e investigadores Marcos Lema, Manuel López, José Antonio Becerra e Urbano Lugrís foi fundamental para o seu desenvolvemento así como a organización de seminarios nos que colaborou activamente o profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. Está previsto que o proxecto teña continuidade para o vindeiro curso académico ampliando a funcionalidade do prototipo e aproximándoo a unha condución máis autónoma.