O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, os días 15, 28 e 29 de outubro, unha nova edición do ciclo de conferencias “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”, organizado por un grupo de profesores e profesoras do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) grazas á unha convocatoria propia da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC) e ás axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia.
Ao igual que en anteriores edicións, este terceiro ciclo de conferencias “Auto-Sinerx-IA” está dirixido ao alumnado das titulacións de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Con todo, a actividade tamén está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. Máis información enviando un correo electrónico a esteban.jove@udc.es.
