O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este mércores 11 de marzo, ás 19:00 horas, o último dos relatorios do Ciclo de Conferencias “Orixes”, creado en homenaxe ao falecido paleontólogo ferrolán Emiliano Aguirre, que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial. Esta iniciativa, na que tamén colaboran a Fundación Luis Monteagudo e o Centro Cultural Torrente Ballester, está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado.
O catedrático emérito de Xeoloxía da UDC e académico numerario da Real Academia Gallega de las Ciencias (RAGC), Juan Ramón Vidal Romaní, e a secretaria do Instituto Universitario de Xeología Isidro Parga Pondal, nado en 1994 grazas ao convenio asinado entre a institución herculina e o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Aurora Grandal d´Anglade, impartirán a conferencia “O traballo de Emiliano Aguirre en Galicia: antes da (e na) Universidade da Coruña”.
