O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, o mércores 29 de xaneiro, ás 19:00 horas, a conferencia “A relación entre dous ferroláns ilustres: Torrente Ballester e Carballo Calero” impartida polo profesor da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e catedrático xubilado de Lingua e Literatura Castelá no IES Concepción Arenal de Ferrol, José A. Ponte Far. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.
Esta conferencia é unha das actividades postas en marcha no marco dun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña (UDC) para a promoción da cultura ferrolá entre a comunidade universitaria. A Facultade de Humanidades e Documentación promoveu a sinatura deste protocolo no que tamén se inclúe a organización dun ciclo de conferencias que sirva como ponte entre a Universidade e a cidade.