O Campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro 7 de maio o Festival Afrontemos, unha xornada de concienciación e promoción da saúde mental dirixida á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.
O evento, organizado polo programa Afrontemos, ten como obxectivo principal fomentar a comprensión de como funciona a saúde mental e cales son as claves para coidala. Neste sentido, desde a organización sublíñase que a saúde mental non é unha realidade exclusivamente individual, senón que se constrúe nas relacións e no ámbito comunitario, sendo responsabilidade tanto persoal como colectiva.
Ao longo da xornada abordarase o coñecemento da saúde mental desde unha perspectiva multidisciplinar, combinando contidos reflexivos con propostas lúdicas e participativas. O programa inclúe charlas, talleres prácticos e actividades baseadas en diferentes linguaxes artísticas, como o cómic, a música —a través do ritmo e a percusión—, o cine de animación ou o teatro.
A asistencia ao Festival Afrontemos é aberta a todas as persoas interesadas, aínda que terán prioridade o estudantado e o persoal da UDC. A entrada será gratuíta ata completar o aforo, sendo necesaria a inscrición previa mediante un formulario dixital.
Inscrición – Festival Afrontemos
