A Universidade da Coruña organiza, en colaboración co Campus Industrial e a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) o vindeiro sábado 2 de marzo, no Campus Industrial de Ferrol, entre as 09:00 e as 18:00 horas. Nesta edición, a décima, participan un total de 43 equipos (25 na categoría FLL Challenge, 16 na FLL Explore e 2 na FLL Discover) e máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego – dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade –, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.