A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) reúne, este venres 7 de febreiro, de 09:30 horas a 14:00 horas, a máis de 20 firmas de toda Galicia no seu I Encontro con Empresas, unha iniciativa dirixida a todo o alumnado de grao e de máster deste centro da Universidade da Coruña (UDC). O encontro preséntase como un espazo idóneo para coñecer cales son os perfís profesionais máis demandados polas empresas do sector, así como para ser entrevistado ou entrevistada e optar a unha bolsa de prácticas ou mesmo a unha vacante.
O subdirector de Prácticas, Emprego e Mobilidade da Escola, Marco Campo, coordina este I Encontro Con Empresas no que participarán, con cada seu stand, firmas como Navantia, Ghenova, Qatro, Russula, Aluman, Acebron, Gabadi, Fridama, Monmega, Polygon-e, Quest Global, Finsa, Grupo Intaf, Invall, San Juan Cimentaciones, Abance, Septentriotech, TECDESOFT, Cofrico, Accenture, Electro – Rayma, Techno Pro Hispania ou GT Artabria, entre outras.
A maiores, o programa da xornada inclúe dúas mesas redondas. Na primeira delas, titulada “Retos para as Enxeñarías 2030” e prevista para as 09:45 horas, intervirán o responsable de Transformación Dixital e Industrial de Navantia Ría de Ferrol, Rafael Morgade; o director da Oficina de Ferrol de Ghenova, Gabriel Baña; o director de Enxeñaría en Russula, Ángelo López; e o responsable da Área de Desenvolvemento en Qatro, Juan Ferro. A segunda mesa levará por título “Hai vida máis alá das grandes empresas” e dará comezo ás 13:15 horas.
