A Biblioteca Ángela Ruíz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, acollerá, este martes 28 de outubro, ás 18:30 horas, unha mesa redonda coa que a Universidade da Coruña (UDC) quere conmemorar o 50 aniversario do falecemento da mestra, escritora e inventora galega Ángela Ruíz Robles, coñecida por ser a precursora do libro electrónico. De feito, un prototipo da súa Enciclopedia Mecánica pode observarse, a día de hoxe, na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT).
Participarán nesta mesa redonda, a súa neta María Luisa Souto Grandal, a integrante do grupo de Investigación no Ensino das Ciencias e das Matemáticas (IECM) da UDC, María Jesús Fuentes Silveira, e a integrante do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA), tamén da UDC, María Noelia Sánchez Maroño. Exercerá como moderadora a subdirectora da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da institución herculina, María José Abad.
