A Coruña, 2 de setembro de 2026.- O Campus Industrial de Ferrol acolle desde hoxe e ata o venres 4 de setembro IBEREO 2026, o Encontro Ibérico de Reoloxía, unha xuntanza científica internacional que cada dous anos pon en común investigacións e avances neste ámbito. Na organización desta convocatoria están implicados os grupos de Polímeros e Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM), integrados no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC).
O congreso arrancou esta mañá no Salón de Actos Concepción Arenal, cunha sesión inaugural en que participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; a directora do CITENI, Belén Montero; o presidente do Grupo Español de Reoloxía, José Muñoz; xunto a presidenta e coordinadora do congreso, Ana Ares.
Unha disciplina que permite coñecer e deseñar materiais
A reoloxía estuda como se deforman e flúen os materiais, desde líquidos e emulsións ata polímeros e outras estruturas complexas. O seu coñecemento permite caracterizar materiais, optimizar procesos e desenvolver produtos con propiedades específicas, cunha aplicación que abrangue desde a alimentación e a biomedicina ata a enerxía e diferentes sectores industriais.
Esta diversidade reflíctese no programa de IBEREO 2026, no que conflúen investigacións sobre alimentación e biorreoloxía, procesamento industrial, polímeros, novas técnicas de medida e estudo de fluídos complexos, con aplicacións que van desde a impresión 3D ata as baterías de estado sólido, os lubricantes ou os hidroxeles.
Ao longo do encontro presentaranse preto de 80 contribucións científicas, entre 40 comunicacións orais e 39 pósteres, nunha cita que reunirá case un centenar de persoas de 12 nacionalidades. España e Portugal concentran a maior parte das participacións, xunto con persoal investigador de países como os Estados Unidos, China, Brasil, Bélxica ou Alemaña. A organización destaca tamén o apoio das 12 empresas colaboradoras, nunha aposta por achegar a investigación científica ás súas aplicacións no ámbito industrial.
Especialistas internacionais e investigacións desenvolvidas desde o CITENI
A primeira conferencia plenaria correu a cargo de Simon Rogers, da University of Illinois Urbana-Champaign (Estados Unidos), que centrou a súa intervención na recovery rheology, un área da reoloxía que estuda como se deforman e se recuperan os materiais despois de seren sometidos a un esforzo.
O xoves 3, Ruth Cardinaels, da Eindhoven University of Technology (Países Baixos) e KU Leuven (Bélxica), ofrecerá a segunda conferencia plenaria, dedicada á rheo-scattering e á rheo-spectroscopy, técnicas que permiten analizar a estrutura interna dos materiais ao mesmo tempo que se observa como responden cando son deformados ou sometidos a movemento.
Entre as intervencións destacadas do programa figuran investigacións sobre a caracterización reolóxica de materiais ricos en proteínas para a impresión 3D de alternativas vexetais á carne ou sobre o desenvolvemento dun dispositivo de código aberto e baixo custo para estudar como se comportan fluídos e materiais complexos cando se estiran, entre outras.
O CITENI ten unha presenza salientable en IBEREO 2026 a través do persoal investigador dos grupos de Polímeros e PROTERM. Ramón Artiaga, María José Abad, Jorge López Beceiro e Ana Díaz conducirán diferentes sesións científicas; mentres que Ana Ares exerce a coordinación local. Ademais, membros de ambos os dous grupos tamén presentan traballos na sesión de pósteres.
Ciencia e territorio
A actividade científica combinarase cun programa social pensado tamén para achegar as persoas participantes ao territorio en que ten lugar. A primeira xornada rematará cun percorrido en barco pola ría de Ferrol e, xa á tardiña, cun cóctel de benvida en Exponav. O xoves terá lugar a cea de gala nun restaurante da comarca de Ferrolterra, mentres que o venres unha visita a Santiago de Compostela servirá para poñerlle o ramo a esta xuntanza.
IBEREO 2026 converte así o Campus Industrial de Ferrol nun punto de encontro internacional arredor da reoloxía e pon de manifesto a capacidade do CITENI para xerar investigación e participar en redes científicas de dimensión internacional, neste caso a través dos grupos de Polímeros e PROTERM.
