Investigadores do CITENI do Campus Industrial de Ferrol da UDC apostan pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar os procesos de simulación industrial

A Coruña, 21 de marzo de 2024.- Recrear situacións da vida real no ámbito da industria é posible grazas á simulación industrial. Esta técnica permite analizar procesos de enxeñaría industrial e contribúe á toma de decisións co obxectivo de mellorar o deseño dos sistemas de produción. A tecnoloxía dos videoxogos está cada vez máis presente neste ámbito: utilízase para desenvolver simuladores avanzados e ferramentas de realidade virtual que posibilitan realizar un adestramento de alta fidelidade para o cadro de persoal, o deseño de produtos e unha prototipaxe rápida.

Javier Pernas e Diego Crespo, investigadores da área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol (CIF) da Universidade da Coruña (UDC), fixeron público o seu último avance neste campo. No artigo «Open-source 3D discrete event simulator based on the game engine Unity», publicado no Journal of Simulation da editorial académica Taylor & Francis Group, apostan pola integración de simuladores de eventos discretos (DES) con motores de videoxogos, como o popular Unity.

Tecnoloxía de videoxogos aplicada á simulación de procesos industriais para a industria 4.0

Os simuladores de eventos discretos (DES) representan unha peza fundamental na investigación tecnocientífica e na enxeñaría moderna. Estes modelos computacionais capturan a evolución temporal dos sistemas a que se aplican mediante a simulación de eventos puntuais (discretos) que poden ter impactos complexos no seu comportamento global. Desde a planificación da produción ata a simulación de tráfico, ofrecen unha perspectiva única para facilitar a toma de decisións e a optimización de procesos.

É importante destacarmos que os motores de videoxogos, como Unity, se converteron nunha referencia en ámbitos como o cinema, a fotografía ou a publicidade. A súa incorporación á industria e á fabricación dixital é unha tendencia á alza debido ás funcionalidades que ofrece, como a súa integración con Python, API (Application Programming Interface, en inglés) de bases de datos e protocolos de comunicación, alén de contar cunha activa comunidade de profesionais e recursos.

No seu artigo, Pernas e Crespo presentan un simulador de eventos discretos en linguaxe de programación C# que se integra co motor de desenvolvemento Unity para aproveitar as súas potentes capacidades, entre as que se inclúen o motor físico, a usabilidade, a arquitectura e a compatibilidade con tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada (VR e AR, polas súas siglas en inglés). Esta integración permite desenvolver simulacións de procesos industriais ou loxísticos cunha compoñente visual superior á dos actuais softwares de simulación; e o máis salientable, a custo cero pola gratuidade da licenza de uso de Unity.

Aposta pola ciencia aberta e colaborativa

Ademais, os investigadores compartiron en aberto o código do simulador (é o que se chama un Open Source Code en inglés), xunto con varios proxectos de exemplo que foron utilizados con fins docentes. Calquera persoa pode acceder a este código e, partir del, desenvolver os seus propios proxectos; ou mesmo pode contribuír a melloralo, fomentando, así, a ciencia aberta e a innovación colaborativa.

Os autores do estudo afirman que seguen a traballar na mellora das funcionalidades do simulador, que aínda está nos seus primeiros pasos, coa esperanza de poder empregalo en novos proxectos de investigación e docencia. Coa súa contribución, ofrecen unha perspectiva innovadora para o futuro da enxeñaría industrial e para a simulación de procesos aplicados á industria 4.0.

* Máis detalles sobre esta investigación:

Journal of Simulation: https://www.tandfonline.com/doi/full/10.1080/17477778.2024.2314166

GitHub: https://github.com/JaviPernasResearch/TheSimuLeanProject

os investigadores do CITENI Diego Crespo (á esquerda) e Javier Pernas (á dereita).
os investigadores do CITENI Diego Crespo (á esquerda) e Javier Pernas (á dereita).