A Coruña, 10 de febreiro de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibirá este luns, 13 de febreiro, ás 11:00 horas no salón de actos do Campus Industrial de Ferrol, ao alumnado do Máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol nun programa conxunto coa Universidade de Nápoles Federico II, a Universidade de Zagreb e a Universidade Técnica de Hamburgo.
Ao acto de benvida ao estudantado estranxeiro deste máster coordinado polo profesor Marcos Míguez González, asistirán ademais a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla; a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón; o director de Transformación Dixital e Industrial de Navantia, Rafael Morgade; e o codirector da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, Fernando Lago.
O alumnado deste máster internacional terá unha serie de actos de benvida ao longo dos próximos días. O luns ademais da recepción, coñecerán o campus co seguinte programa:
12:00h. Visita ao servizo de Extensión Universitaria (deportes, cooperación e cultura).
13:00h. Presentación da Oficina de Relacións Internacionais.
14:00h. Xantar na Cantina de Campus.
16:00h. Presentación de materias optativas:
Vehículos autónomos mariños.
Métodos estatísticos para innovación de tecnoloxía mariña.
Internet industrial das Cousas (IoT).
17:00h. Presentación do horario do semestre. Visita ao Campus, canal de ensaios hidrodinámicos, laboratorios, EPEF.
As actividades de benvida continuarán con esta previsión:
Martes, 14 de febreiro
10:00h. Recepción no Concello de Ferrol.
11:00h. Visita guiada á cidade de Ferrol.
Mércores, 15 de febreiro
10:00h. Visita guiada ao Arsenal.
16:30h. Actividades con Asociacións de Estudantes Internacionais (Xeración).
Xoves, 16 de febreiro
10:00h. Visita ao Museo de Construción Naval (EXPONAV).
11:30h. Visita guiada á contorna de Ferrol (praias e outros sitios relevantes).
Venres, 24 de febreiro
9:00h. Visita guiada a Navantia Ferrol e Navantia Fene.
O Máster Erasmus Mundus, aprobado pola Unión Europea, vai xa pola segunda promoción. Estes estudos relacionan os coñecementos da enxeñaría naval e oceánica tradicional cos da Industria 4.0 e a sustentabilidade. Está coordinado pola Universidade de Nápoles Federico II na que se imparte xunto coa UDC, a Universidade de Zagreb e a Universidade Técnica de Hamburgo. O alumnado realiza o seu primeiro semestre en Nápoles, o segundo en Ferrol e no terceiro poden elixir entre Nápoles, Ferrol, Zagreb ou Hamburgo.
A primeira promoción está rematando os seus estudos. O alumnado presentará os seus Traballos de Fin de Máster (TFM) o vindeiro día 3 de marzo en Nápoles. Durante este último semestre, dos 21 estudantes, seis quedaron na UDC; seis foron a Hamburgo; seis a Croacia e tres a Nápoles. Os seis alumnos que elixiron a UDC para rematar o seu máster están agora realizando o seu TFM e prácticas en empresas e centros de investigación, catro deles en Ferrol (CT Ingenieros, Navantia/CITENI, Reganosa e Ghenova) e dous no estranxeiro (Maersk en Dinamarca e VTT en Finlandia).
Ao seu remate, o alumnado recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña. A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.