Leticia Álvarez Reguera abordará no Campus Industrial de Ferrol os retos da ONU e as oportunidades profesionais que ofrece

Ferrol, 16 de outubro de 2026.- A aula 1.5 da Facultade de Humanidades e Documentación acolle, o próximo mércores 21 de outubro, ás 18:00 horas, a terceira e última sesión do curso “As Nacións Unidas no Mundo do Século XXI: Gobernanza Global, Axenda 2030 e o Papel de Asia” que organizan o Campus Industrial de Ferrol e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración co Observatorio da Política China (OPCh). A conferencia titúlase “Traballar nas Nacións Unidas e nas Organizacións Internacionais” e será impartida pola responsable de Comunicación das Nacións Unidas para España e Andorra no Centro de Información das Nacións Unidas, Leticia Álvarez Reguera.

Ao longo da súa intervención, a relatora ofrecerá unha visión da situación actual da Organización das Nacións Unidas (ONU), das súas principais prioridades e dos desafíos aos se enfronta nun contexto internacional marcado por profundas transformacións xeopolíticas. Do mesmo xeito, abordará a presenza das Nacións Unidas en España, o papel da comunicación institucional e os retos relacionados coa integridade da información nun contexto marcado pola desinformación e a crecente complexidade dos conflitos internacionais.

Outro dos asuntos a tratar no transcurso da conferencia será o proceso de transformación das Nacións Unidas, impulsado a través da Iniciativa ONU80 que busca reforzar a capacidade da ONU para responder aos retos mundiais actuais, que van desde os conflitos, os desprazamentos e a desigualdade ata as perturbacións climáticas e os cambios tecnolóxicos, respondendo ao mesmo tempo a presións externas como a redución dos presupostos e as crecentes divisións políticas no espazo multilateral. Neste contexto, analizarase a importancia de contar con profesionais especializados que sexan quen afrontar os retos globais do presente e do futuro.

Nesta terceira e última sesión do curso tamén se porá o foco nas oportunidades laborais que ofrecen as Nacións Unidas e outras organizacións internacionais, achegando ao público participante aos perfís profesionais máis demandados, ás competencias necesarias, así como ás vías de acceso a este tipo de postos.

Unha traxectoria vinculada ao xornalismo internacional e á resolución de conflitos

Licenciada en Xornalismo e especializada en resolución de conflitos e mediación internacional, Leticia Álvarez Reguera conta cunha ampla experiencia no eido da comunicación e da información internacional. Ao longo da súa carreira profesional exerceu como correspondente en Grecia, Bruxelas e Ucraína, onde cubriu conflitos armados e situacións de crise como xornalista audiovisual.

Asistencia libre e gratuíta ata completar o aforo

O curso “As Nacións Unidas no Mundo do Século XXI: Gobernanza Global, Axenda 2030 e o Papel de Asia” está dirixido ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, e aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo. Máis información, enviando un correo electrónico a info@igadi.gal.

a responsable de Comunicación das Nacións Unidas para España e Andorra no Centro de Información das Nacións Unidas, Leticia Álvarez Reguera, imparte unha conferencia na Facultade de Humanidades e Documentación, o próximo mércores 21 de outubro, ás 18:00 horas. Imaxe cedida por Leticia Álvarez Reguera.
a responsable de Comunicación das Nacións Unidas para España e Andorra no Centro de Información das Nacións Unidas, Leticia Álvarez Reguera, imparte unha conferencia na Facultade de Humanidades e Documentación, o próximo mércores 21 de outubro, ás 18:00 horas. Imaxe cedida por Leticia Álvarez Reguera.