Ferrol, 7 de maio de 2026.- O Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves o Festival Afrontemos, unha xornada multidisciplinar promovida pola Universidade da Coruña que reúne a máis de cen persoas arredor da saúde mental, cun formato aberto, divulgativo e participativo.
Na inauguración, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares Pernas, destacou a importancia de coidar a saúde mental da comunidade universitaria, un compromiso que a institución vén asumindo de maneira continuada desde o ano 2021 a través do seu programa “Afrontemos”. Subliñou tamén a necesidade de crear espazos de encontro e intercambio de coñecemento arredor desta temática, “abertos non só á comunidade universitaria, senón tamén á cidadanía en xeral”.
Pola súa parte, o director do programa, Valentín Escudero, puxo o acento no sentido da xornada como un espazo para sensibilizar e promover a saúde mental, combinando a aprendizaxe e a divulgación con propostas de carácter lúdico e cultural. “Falamos de saúde mental a través da música, do cómic e do teatro, porque tamén desde a cultura pódense construír ferramentas para comprender, expresar e coidar o benestar emocional”, sinalou.
A primeira das charlas “Por que non me fai caso o meu cerebro?” foi impartida polo propio director do programa. A continuación desenvolveuse a sesión “Afrontemos a conduta suicida”, a cargo de José Eduardo Rodríguez Otero, psicólogo da Unidade de Prevención do Suicidio da Área Sanitaria de Vigo. O resto da mañá celebráronse varios obradoiros prácticos sobre ansiedade, primeiros auxilios en saúde mental e relacións saudables.
Xa pola tarde tivo lugar un taller de percusión e ritmo como ferramenta para o benestar, e posteriormente unha conferencia impartida por Bea Lema, Premio Nacional do Cómic 2024, baixo o título “Bordar unha historia”, sobre a súa novela gráfica “O Corpo de Cristo”, que trata a saúde mental a través da mirada dunha nena. A continuación do relatorio, proxectouse a curtametraxe que leva o mesmo nome que a novela, que fora Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña. A xornada rematou coa representación da obra de teatro “Mama Cora”, da compañía Opaí Teatro, seguida dun coloquio coa súa directora, Cristina Mariño.
A elevada participación confirma o interese social por abordar a saúde mental desde perspectivas diversas e accesibles, así como a consolidación de Afrontemos como unha iniciativa de referencia no ámbito universitario e comunitario. O festival enmárcase na aposta da Universidade da Coruña por promover o benestar, a inclusión e a responsabilidade social, favorecendo contornas nas que falar de saúde mental sexa algo natural, compartido e libre de estigmas.
Programa Afrontemos
A Universidade da Coruña puxo en marcha en 2021 Afrontemos, un programa de asesoramento e atención especializada para mellorar a quen poida estar pasando por unha situación de estrés ou crise psicolóxica, e que ten atendido desde a súa posta en marcha, a preto de 500 persoas. Trátase dun servicio gratuíto, accesible e rigorosamente confidencial de asesoramento e atención psicolóxica cun equipo de especialistas en psicoloxía sanitaria e clínica.
