A Coruña, 23 de outubro de 2026.- A empresa derivada Motion and Force Engineering Solutions (MFES), vinculada á investigación en biomecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), foi recoñecida nos Santander X Spain Awards, na categoría Startup Universitaria 2026. Ademais, un dos seus desenvolvementos tecnolóxicos, o dispositivo portátil AppGym, recibiu o segundo premio da Xornada de Innovación en Industria de Maker Faire Galicia 2026. Trátase dun dispositivo portátil para monitorizar a flexión lumbar en tempo real que conta, ademais, coa colaboración da Clínica Arriaza, da cidade herculina.
MFES, recoñecida nos premios Santander
Os Santander X Spain Awards, convocados pola UDC, recoñecen a MFES na categoría Startup Universitaria 2026. O galardón, dotado con 4000 euros, ofrece tamén a posibilidade de participar na final nacional.
Este xoves 22 de outubro, durante a feira de emprego da Universidade da Coruña, IMPULSA-T: Salta da UDC ao futuro, José Anta, adxunto de Transferencia, entregou o premio a Eloy Vázquez, director executivo de MFES, quen toma a remuda de Alejandro Vázquez e acudiu en representación do equipo investigador, integrado por Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, vinculado á Área de Biomecánica do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI.
Maker Faire Galicia 2026 recoñece a innovación de AppGym
O dispositivo portátil AppGym obtivo o segundo premio da Xornada de Innovación en Industria de Maker Faire Galicia 2026, que tivo lugar o pasado venres, 9 de outubro, na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela. O recoñecemento está dotado con 375 euros.
Para rexistrar os movementos, AppGym utiliza dous sensores inerciais (IMU), situados en distintos puntos das costas. Estes recollen os datos do movemento e transmítenos por bluetooth a unha aplicación dispoñible para dispositivos móbiles e ordenadores, que permite visualizar a flexión lumbar en tempo real e facer un seguimento durante distintas actividades.
Os datos obtidos poden axudar a identificar padróns de movemento potencialmente asociados a riscos e servir de apoio ao desenvolvemento de estratexias de prevención. Entre os seus posibles ámbitos de aplicación atópanse a práctica clínica, o deporte e a avaliación de riscos ergonómicos no ámbito laboral.
Da investigación universitaria á transferencia tecnolóxica
Ademais de AppGym, MFES desenvolve solucións noutras áreas da biomecánica, como a análise da marcha, a modelización e simulación musculoesquelética e os sistemas de medición e dispositivos de asistencia. A actividade da empresa contribúe a trasladar o coñecemento xerado na investigación universitaria a ferramentas tecnolóxicas destinadas a responder a necesidades concretas da sociedade e do tecido produtivo.
Máis información sobre MFES en https://mfes.es/ e en LinkedIn: https://www.linkedin.com/company/motion-and-force-engineering-solutions.
