O Ateneo Ferrolán acolle mañá a primeira sesión das xornadas de presentación dos traballos de fin de grao e máster que organiza o Campus Industrial da UDC

Ferrol, 7 de novembro de 2023.-  O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández, inaugura mañá, mércores 8 de novembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, a primeira sesión das xornadas de presentación dunha escolma dos traballos de fin de grao e de máster defendidos polo alumnado do Campus Industrial da Universidade da Coruña nos últimos cursos académicos. O formato de presentación destes traballos será o do modelo PechaKucha, no que as persoas participantes disporán de 20 diapositivas e un máximo de 7 minutos para explicarlle ao público asistente os obxectivos e as principais conclusións dos seus estudos.

Na xornada deste mércores 8 de novembro participará a graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, María Ana Ortega Sarceda, quen afondará no proceso de optimización da eficiencia dunha planta de potencia solar con ciclo rankine orgánico. O traballo de fin de grao foi dirixido polo profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alberto Arce Ceinos, e galardoado, en decembro de 2022, pola Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy, que promove a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con esta empresa coruñesa dedicada ao deseño e fabricación de grupos electróxenos. Na actualidade, María Ana Ortega Sarceda compaxina os seus estudos no máster en Enxeñaría Industrial do Campus Industrial de Ferrol co seu traballo como técnico de apoio no Centro Mixto de Investigación Navantia – UDC situado no Edificio de Batallóns.

A continuación, intervirá a graduada en Xestión Industrial da Moda, Iria Veiras González, quen falará sobre unha cadea de subministración sostible realizando unha comparativa entre a moda pensada para un consumo rápido e aquela que é máis respectuosa co medio ambiente, cos traballadores e traballadoras e tamén co público que a consome. O traballo de fin de grao foi titorizado polo profesor do Campus Industrial de Ferrol, Diego Crespo Pereira. A día de hoxe, esta antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación traballa no Departamento de Sustentabilidade dunha consultora de moda situada na cidade da Coruña.

Na xornada do mércores 15 de novembro está previsto que participen o antigo alumno do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo, Carlos Castro Mera, o graduado en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto que oferta a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Javier Vázquez Jorge, e a graduada en Enfermaría, titulación pertencente á Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Andrea Caamaño Velo.

Cartel promocional das xornadas de presentación dos traballos de fin de grao e de máster defendidos no Campus Industrial da Universidade da Coruña nos últimos cursos académicos e que terán lugar, os días 8 e 15 de novembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán.

Á esquerda, a enxeñeira María Ana Ortega Sarceda, quen falará sobre o proceso de optimización da eficiencia dunha planta de potencia solar con ciclo rankine orgánico, e á dereita, Iria Veiras González, antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación, que falará sobre unha cadea de subministro sostible realizando unha comparativa entre a moda pensada para un consumo rápido e aquela que é máis respectuosa co medio ambiente, cos traballadores e traballadoras e tamén co público que a consome.