O Campus Industrial da Universidade da Coruña organiza co Concello de Ferrol o primeiro Foro sobre a industria naval

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, inaugurarán mañá venres, 24 de marzo, ás 10:00 horas, no Auditorio de Ferrol, o Foro Ferrol Futuro da Industria Naval.

O Concello de Ferrol organiza, coa colaboración do Campus Industrial da Universidade da Coruña e Navantia, o primeiro foro sobre a industrial naval en Ferrol. O obxectivo é visualizar o potencial da industria naval en Galicia e convertela nun referente, para o que se prevé que asistan expertos nacionais e internacionais deste sector.

O programa consta de catro bloques: Situación e retos do sector da construción naval; Navantia e Seanergies, no que se analizará o desenvolvemento do sector eólico mariño; Situación e perspectivas no negocio de reparacións do sector naval e A importancia da formación e a investigación no sector naval, con expertos da Universidade da Coruña.

Neste último bloque haberá tres intervencións nas que se explicarán as principais liñas de investigación do Campus Industrial de Ferrol; os proxectos e casos de éxito de investigación do CIF nos sectores naval e de eólica mariña; e o papel da formación no futuro do sector naval.