O Campus Industrial de Ferrol achega a tecnoloxía dos exoesqueletos aos profesionais de emerxencias da comarca

Ferrol, 2 de novembro de 2026.- O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, situado no edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol, acolleu, na mañá deste luns, unha xornada de sensibilización e demostración práctica sobre o uso de exoesqueletos pasivos para a prevención de lesións musculoesqueléticas entre os profesionais de emerxencias. A Universidade da Coruña (UDC) e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol impulsaron, a través da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo, unha actividade dirixida especialmente a bombeiros, equipos de rescate e persoal sanitario, colectivos que realizan tarefas de elevada esixencia física e que están expostos a este tipo de lesións, especialmente na zona lumbar.

Un dos principais atractivos da xornada foi a presentación do primeiro prototipo de exoesqueleto pasivo desenvolvido polo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no marco do proxecto europeo ExoCare. Trátase dun dispositivo téxtil, lixeiro e de baixo custo, deseñado para contribuír a reducir a carga sobre a zona lumbar no momento no que se realizan determinados esforzos físicos. Ao tratarse dun exoesqueleto pasivo, non precisa de motores nin baterías, o que facilita a súa utilización en diferentes contornas laborais.

Ao longo da xornada, as persoas participantes puideron coñecer e probar este prototipo xunto con outros cinco modelos comerciais facilitados pola empresa Proquicel. O programa da actividade incluíu tamén unha charla sobre o funcionamento dos exoesqueletos pasivos e o seu papel na prevención dos riscos laborais, seguida dunha demostración práctica dos seis dispositivos. A actividade correu a cargo do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, Florian Michaud, e do responsable da empresa de Proquicel, Yago Blanco.

ExoCare, un proxecto europeo para mellorar as condicións laborais das persoas coidadoras

O desenvolvemento do prototipo forma parte do proxecto europeo ExoCare que ten como obxectivo mellorar as condicións laborais das persoas coidadoras na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, especialmente mediante a prevención das lesión lumbares derivadas da mobilización de pacientes. A iniciativa contempla tamén a creación dun banco de exoesqueletos de uso compartido, para facilitar o acceso a esta tecnoloxía e promover un modelo de utilización máis sostible. Ata o momento, xa se fabricaron as dez primeiras unidades do prototipo, que están preparadas para seren probadas nos Living Labs do proxecto. ExcoCare enmarcase no programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021 – 2027 e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Entre as entidades socias do consorcio atópanse a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, a Universidade da Coruña (UDC), a Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal) e a Universidade do Minho, xunto a organismos como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Política Social e Igualdade –a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria– da Xunta de Galicia. Completan a alianza a Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave e o Digital Transformation CoLAB (DTx CoLAB), en Portugal, e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), todos eles comprometidos coa mellora das condicións laborais de quen coida a persoas dependentes.

persoal de emerxencias da comarca puido coñecer e probar o prototipo deseñado no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, xunto con outros cinco modelos comerciais facilitados pola empresa Proquicel.
persoal de emerxencias da comarca puido coñecer e probar o prototipo deseñado no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, xunto con outros cinco modelos comerciais facilitados pola empresa Proquicel.