O Campus Industrial de Ferrol acolle a segunda edición da xornada The Future of Fashion Talent o vindeiro xoves 18 de abril

Ferrol, 10 de abril de 2024.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá, o vindeiro xoves 18 de abril, ás 10:00 horas, a segunda edición da xornada The Future of Fashion Talent, que organiza o xornal líder en información económica do negocio da moda, Modaes, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña e co apoio da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) e máis do Concello de Ferrol.

Entre os relatores confirmados figuran o director de retail de Tendam, Ignacio Olmeda; o conselleiro delegado de PdePaola, Humbert Sasplugas; o secretario xeral de Cointega, Alberto Rocha; a directora de People, Culture & Organization de Tous, Laura Valldevilaramo; a conselleira delegada de Roberto Verino, Dora Casal; ou xerente de exportacións de Alba Conde, Pablo Conde; entre outros. Tamén intervirá o coordinador do Grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Manuel Escourido, e a profesora da Universidade da Coruña Ariadna Monje.

O evento comezará cunha conferencia sobre moda, territorio e emprego de calidade, seguida dunha mesa redonda na que se afondará en como seducir ás novas xeracións. Logo dun breve descanso, terá lugar un relatorio centrado no employer branding e, para pechar a xornada, outra mesa redonda sobre tecnoloxía e punto de venda.

O alumnado e demais membros da comunidade universitaria, así como empresas e público xeral interesado en asistir de xeito presencial á xornada, terán que inscribirse antes das 14:00 horas do mércores 17 de abril a través da páxina web www.thefutureoffashiontalent.com. Con todo, o evento poderá seguirse en directo a través da home de modaes.es.

Cartel das II Xornadas The Future of Fashion Talent
Cartel das II Xornadas The Future of Fashion Talent